Chega a España o Microsoft Surface

luns, 2 de marzo do 2009 Raquel Noya

No seu esforzo por evolucionar as interfaces tradicionais da informática cara un xeito “máis natural e intuitivo” de relacionarnos coa información dixital, Microsoft vén de presentar en España o Microsoft Surface, un dispositivo que ten como principal obxectivo, “difuminar as barreiras entre a tecnoloxía e o mundo real”.
A ferramenta, que está baseada nun paso disruptivo, é a primeira dunha categoría totalmente nova creada pola compañía de Gates, e supón o avance das interfaces gráficas cara as interfaces naturais de usuario, que lle permiten ao mesmo empregar o tacto, os xestos da man e incluso obxectos físicos colocados sobre a pantalla.
Surface proporciónalle, segundo os seus responsables, “unha experiencia completamente distinta aos usuarios finais”, poñéndolles ao alcance da man, as últimas innovacións en interacción humana coa informática, ao tempo que se lle proporciona, “unha oportunidade excelente para xerar negocio nos partners”.
Esta ferramenta inclúe hardware e software e sobre ela pódense integrar un amplo abano de aplicacións para clientes comerciais que van dende o minorista, ocio, entretemento, centros sanitarios, banca…
Baseado en Windows Vista, o Surface “vai máis alá da experiencia do PC” ao empregar tecnoloxía multi-táctil sobre unha pantalla horizontal de gran formato e 360 graos, facendo posible que varias persoas colaboren e toquen a aplicación xuntas ao mesmo tempo, interactuando con información, contidos e obxectos físicos un xeito tan familiar “que parece o mundo real”.
María Garaña, a presidenta de Microsoft Ibérica explica que se trata dunha categoría que ten por compromiso “cambiar o xeito de interactuar cos ordenadores, deixando atrás a interface gráfica do usuario de hai máis de 30 anos”.

PUBLICIDADE