Chega a 5ª edición do curso de Vitae que nos converte en expertos en Microsoft Power Excel
martes, 19 de abril do 2022
A
consultora galega Vitae tennos deparada este mes de maio unha
actividade formativa encamiñada a facernos avanzar en manexo e
xestión de datos, unha faceta profesional cada vez máis requirida
por empresas e entidades de toda índole, toda vez que se despexaron
todas as dúbidas que puidera haber sobre as vantaxes competitivas e
de crecemento que ofrece o bo manexo da información. Trátase
da quinta edición do curso Microsoft Power Excel con Power Query,
Power Pivot e DAX. Será unha actividade formativa de 20 horas, a
desenvolver en formato en liña (a través da Aula Virtual de Vitae)
os días 23, 24, 25, 26, 30 e 31 de maio, e o 1 e 2 de xuño.
En
palabras da consultora galega Vitae, neste curso aprenderemos a
explotar os datos en Excel cunhas potentes ferramentas que están
integradas nas últimas versións de Microsoft Office, que non son
outras que Power Query, Power Pivot e DAX.
Vitae engade que
“grazas a esta actividade formativa os participantes poderán
afrontar importantes retos en materia de datos (elaborarán cadros de
mandos a partir de arquivos ou táboas que dean resposta ás
principais preguntas que xurdan sobre o manexo das ditas ferramentas)
e terán a oportunidade de coñecer as principais características do
traballo con Power Query para a preparación da información e de
Power Pivot con vistas a modelar e crear cálculos con DAX, e pasar
logo os datos manexados a un proxecto con Power BI”.
En
definitiva, os participantes no curso obterán adestramento nos
seguintes puntos:
· Como conectarse aos datos, darlles forma e
cargalos para a súa análise.
· Como visualizar os resultados
con táboas dinámicas.
· Como crear un informe que conecte
táboas e gráficas dinámicas para mostrar os resultados da análise
sobre a información en orixe.
· Como iniciar un proxecto cos
nosos datos de Excel en Power BI.
A actividade formativa está
dirixida a profesionais ou usuarios de negocio afeitos a traballar e
debullar datos con Excel que precisen traballar con maiores
cantidades de información e dun xeito máis automatizado.
O
curso terá unha duración de 20 horas, repartidas en sesións de 2,6
horas, e impartirase na Aula Virtual de Vitae, con clases en directo
mediante vídeo-conferencia.
Será impartido por Juan Naya,
enxeñeiro industrial e profesional con máis de 10 anos de
experiencia en postos de responsabilidade dentro das áreas de
produción, planificación e loxística. Trátase dun experto en
materia de datos e xestión. Na actualidade ofrece solucións
profesionais a medida e formacións de alto valor engadido das
principais ferramentas de análise da información de Microsoft, como
Excel e Power BI. Entre as empresas e entidades que asesorou ou
formou atópanse Inditex, o Grupo Profand, a Autoridade Portuaria de
Avilés, o Grupo Pérez Rumbao, Inturasa, Galuresa, EimSkip, Altrans,
Televés, CivisGlobal, Todos Gómez ou Grupo Babé Logística. Está
certificado por Microsoft como Microsoft Excel Expert e Data Analyst
Associate.