Chega Appvise, ferramenta para loitar directamente contra o acoso nas escolas

xoves, 3 de marzo do 2016 Redacción

Entre os servizos e aplicacións que proliferan co obxectivo común de acadar navegacións máis seguras e unha Internet ateigada de valores positivos, ceibe de violencia, atópase unha plataforma que “promete” afianzarse en ámbalas beiras do Atlántico. Trátase de Appvise, en palabras dos seus impulsores “un servizo tecnolóxico-social para centros educativos que ofrece ferramentas de comunicación e de sensibilización para fomentar unha comunicación eficaz e previr e erradicar calquera tipo de violencia como o bullying”. Arestora, a plataforma está comezando a “loitar” contra a acoso escolar pola vía das TIC en seis países: España, Arxentina, Chile, Colombia, Guatemala e Estados Unidos. Os proxectos sociais de Appvise están presentes xa en tres continentes (América, Europa e tamén África).
Segundo fan saber os creadores desta tecnoloxía, o proxecto Appvise é tanto un servizo tecnolóxico como social que se apoia sobre un máis que firme plan de responsabilidade social corporativa. A través deste, os proxectos nos centros escolares dos diferentes países desenvólvense en colaboración con organizacións sen ánimo de lucro e grupos de expertos con arela solidaria.
A día de hoxe, nestas semanas previas ao lanzamento definitivo do proxecto, o equipo de Appvise está a traballar no fortalecemento das súas relacións institucionais coas autoridades de Gambia, país onde se porán en marcha proxectos de cooperación nos próximos meses. O mércores 24 de febreiro, de feito, desenvolveuse a reunión co embaixador do país en España, Yang Labou.
A previsión dos impulsores de Appvise é incorporar ao longo destes meses a meirande cantidade posíbel de socios estratéxicos, “ampliando o equipo de traballo para asegurar un crecemento sustentábel e situar o proxecto en máis dun cento de países nun período de cinco anos.
A sede principal de Appvise está en Madrid (Villaviciosa de Odón). A iniciativa vén da man de Integra Technologies, empresa de innovación TIC pertencente ao grupo CHT Holdings, con sedes en Delaware e Malta.
A aplicación
Appvise conta cunha ferramenta de comunicación que facilita a conexión entre pais, profesores e alumnos. Entre outras cousas, inclúe funcións de localización, seguimento do rendemento e cualificacións do alumno ou de denuncia anónima en casos de acoso. Ademais, segundo sinalan os seus desenvolvedores, resolve “a comunicación de grupos extensos de persoas de maneira organizada e nada intrusiva”. Asemade, achega ao seu abeiro obradoiros educativos sobre diversidade cultural, protección do medio ambiente e dereitos humanos e prevención de violencia de xénero e acoso.

PUBLICIDADE