Charlie Hebdo estrea aplicacións móbiles para facilitar a compra dixital do seu número especial

venres, 16 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

O semanario satírico francés Charlie Hebdo está a ver como a traxedia que afectou á súa redacción está a traducirse no bote salvavidas da publicación, xa que esta revista que vendía 28.000 copias á semana tiña problemas para sobrevivir, tendo que recorrer a doazóns para saír adiante, pero agora, tras o atentado islamita, conseguiu vender 5 millóns de exemplares dun número especial ao prezo de 3 euros cada un, á vez que disparou o seu número de subscritores (pasou de 7.000 a máis de 120.000) e recibiu adicionalmente 1,4 millóns de euros en doazóns de particulares e máis de 580.000 euros en doazóns do sector dos medios de comunicación.
Parece así garantido que durante os vindeiros meses seguirá viva esta polémica revista que, ante a elevada demanda do seu número especial, tiveron que estrear aplicacións móbiles para iOS, Android e Windows 8.1 para facilitar a compra dixital do exemplar ao mesmo prezo que a edición impresa. Tamén coméntase que mañá mesmo lanzarán unha edición dixital da revista en español, pero aínda non deron detalles de como poderá adquirirse.
ACTUALIZACIÓN: As aplicacións móbiles mencionadas serven para a compra da versión en español do número especial da revista.

PUBLICIDADE