Chamamento na Rede para que Interflora aposte polo galego na súa web

martes, 2 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

A CiberIrmandade da Fala abriu o mes de marzo cunha nova campaña en liña de mobilización a prol da presenza do galego nas diferentes faces de Internet. Desta volta, e incidindo no labor de sinalar as webs que pudendo apostar polo noso idioma deciden non facelo, o colectivo galego puxo no punto de mira a Interflora, firma multinacional con fortes vínculos na nosa terra (onde está asentada dende hai anos) e especializada na floristería en xeral e no envío de flores a domicilio.
Pois ben, malia a cifra de clientes do noso país cos que conta a devandita empresa, a CiberIrmandade non deu localizado por ningures sinal da nosa lingua, tanto no que se refire á comunicación web como á tradicional, polo que lanzaron entre os internautas galegos un chamamento para acadar a máxima cifra de apoios á hora de facerlle chegar a Interflora un prego para a inclusión na súa web dunha versión na nosa lingua.
O prego di así: “Lamentabelmente, e malia estar asentada en territorio galego, achei que a súa empresa non tiña nin como opción a miña lingua, ben polo contrario do que acontece con catalán ou castelán, polo que desistín de mercar. Con todo, gustaría de lles propor que empreguen as linguas dos territorios nos que teñen presenza, pois nun futuro non descarto mercar polo web se podo entender comodamente o que se me ofrece”.

PUBLICIDADE