Centos de profesionais e estudantes acoden esta semana ás xornadas sobre seguridade en liña da UDC

martes, 22 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Chema Alonso, un dos participantes das xornadas, nun relatorio organizado polo Instituto Tecnolóxico de Aragón

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña está estes días celebrando os seus 25 anos de vida. Un dos eventos estrela do seu programa conmemorativo de actividades é sen dúbida o encontro Xornadas de Seguridade Informática 2011, unha xuntanza que se celebra esta semana (a partires do xoves 24 de febreiro) da man do GSIC e que entre outros obxectivos inclúe o de converterse, durante tres días, na sede internacional do debate acerca dos diferentes recursos postos en xogo arestora para acadar unha Rede de fiar a tódolos niveis.
Con este motivo, as xornadas darán acubillo a boa parte do máis destacado no eido da investigación tecnolóxico-dixital. O encontro estará aberto (tras o proceso requirido de inscrición) a estudantes, profesores, investigadores e profesionais das novas tecnoloxías do coñecemento. Tal é o interese suscitado polo evento, que a día de hoxe calcúlase que participarán no mesmo arredor de cincocentas persoas.
Polo que respecta ao programa de actividades, dicir que as xornadas contarán coa presenza de persoeiros dos novos escenarios dixitais como Chema Alonso (ligado a Informática 64), que afondará en diferentes aspectos da seguridade como poden ser implantacións, auditorías, formación e técnicas de hacking ético
Informar que a intervención de Alonso desenvolverase o día 25 a partir das 11.35 horas baixo o seguinte epígrafe: Adiante por favor: Default Passwords.
Tamén participarán como relatores nestas xornadas expertos como Ángel Prado, Rubén Santamarta, Pedro Sánchez, Manuel Gesteiro, Roi Mallo, Diego Ferreiro, Raúl Benito, Gildas Avoine, Marcelo Rivero, Alejandro Ramos, Sherab Giovannini, Luciano Bello e Alfonso Muñoz. Todos eles, engaden fontes da Universidade, expertos de primeira liña a nivel nacional e internacional “que contribúen coa súa participación a elevar a estas xornadas ao nivel máximo de calidade e prestixio tanto no contorno académico como no profesional”.

PUBLICIDADE