Celanova acolle a gravación da webserie Dúas Señoras

venres, 27 de outubro do 2023 S. P.

Celanova acolle estes días a gravación dunha nova produción galega destinada ás novas canles e formatos: a webserie Dúas Señoras, filmada por un grupo de alumnas e alumnos da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo. Cóntanos a historia de Maruja e Balbina, dúas xubiladas que atesouran unha estreita amizade e que combinan todos os días no mesmo banco para pasar o tempo e dunha forma ou doutra sempre acaban metidas nunha aventura diferente.
A iniciativa forma parte da programación do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC23), celebrado o pasado mes de xuño na vila ourensá co apoio da Fundación Carlos Casares, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.
No marco deste curso, celébrase cada ano o Taller Audiovisual Celanova, Plató de Ficción, dirixido polo profesor da UVigo Paulino Pérez. Esta actividade, eminentemente práctica, está dirixida ao alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual da Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra e ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado.
O alumnado comezou neste taller o seu proxecto audiovisual, coa realización do guión e a formación do equipo. Continuando con el, esta semana están gravando en Celanova os catro capítulos de aproximadamente seis minutos que conformarán Dúas Señoras. As directoras son as estudantes Uxía Soutullo e Luján Monteiro e a produtora Alejandra Justo, participando en total 18 estudantes de cuarto curso do Grao de Comunicación Audiovisual. As dúas protagonistas son as actrices Mercedes Castro (de series como Padre Casares, Avenida América, Mareas vivas e Pratos combinados) e Ana Santos (de filmes e series como Elisa e Marcela, Fariña, Serra Moura ou A desorde que deixas).
Tras rematar as gravacións, o proxecto, ao abeiro do cal faranse tres traballos fin de grao, continuará na facultade ata ter o produto finalizado, agardando poder estrealo en xaneiro do vindeiro ano. A webserie está producida por Lostrego filmes, o proxecto de produtora do alumnado participante, e a Facultade de Comunicación da UVigo con financiamento de AGADIC e a Fundación Carlos Casares.


PUBLICIDADE