Caxigo.gal colle novos azos grazas á súa integración en APRODIGA

luns, 3 de outubro do 2016 Fernando Sarasketa

Caxigo.gal, a rede social galega (con páxina web e aplicación de seu), vén der fortalecer os seus alicerces de cara a consolidar a súa andaina futura como comunidade dixital cen por cen da nosa terra. Este impulso vén da man da Asociación pola Promoción e Dignificación do Galego, APRODIGA, que a partir de agora ostentará a titularidade da devandita rede social logo do importante traballo despregado polo seu anterior titular, Marcos Suárez, fundador e creador de Caxigo. Segundo puidemos saber, todos os membros do equipo actual da comunidade e as novas e vindeiras incorporacións pasan tamén a integrarse na nova titularidade. “O noso obxectivo”, sinalan, “é seguir avanzando coa rede dunha maneira máis profesional, medrando e mellorando en todos os sensos e os aspectos”.
Para comezar, anuncian a inclusión de “moitas novidades” e de novas funcionalidades que os usuarios previamente pediran, “así como a posibilidade de colaborar con nós, dun xeito voluntario e/ou altruísta, a través da ligazón caxigo.gal/achegas”. Isto, explican, “fará posíbel a continuidade e mellora da rede”.
APRODIGA lembra, para máis información sobre o seu traballo, que se trata dunha asociación cultural sen ánimo de lucro e que, desta maneira, non se dirixe á obtención de beneficio propio algún. E engaden: “As persoas que lle dedicamos tempo a este sinxelo pero engaiolante proxecto facémolo desinteresadamente en beneficio da nosa fala, da nosa cultura e da nosa idiosincrasia como pobo”.
Tamén aclaran que os cambios de titularidade non afectarán, “en ningún caso”, á continuidade nin ás condicións. “Pola contra”, explican, “axudará a que o vieiro que comezamos a percorrer a finais do ano 2012 se vaia convertendo nunha fermosa e saudábel andaina sen retorno; así coma nunha ferramenta para conquerir un abrente pintado de esperanza sempre limpo de imbéciles e escuros”.

PUBLICIDADE