Catro estudantes da UDC achegan o seu talento en experiencias de realidade virtual inspiradas en Marvel

martes, 3 de maio do 2022 S. P.

O universo Marvel contará coas contribucións tecnolóxicas do talento galego: as de catro estudantes do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos da Universidade da Coruña (impartido na Politécnica de Enxeñaría de Ferrol) que están a traballar dende Asturias nunha experiencia de Realidade Virtual inspirada no mítico selo de cómics. Isto será posíbel grazas ás prácticas que os estudantes do mestrado realizan, por segundo ano consecutivo, na sede de Inovace, empresa especializada na creación de experiencias inmersivas a través de tecnoloxías como a Realidade Virtual e Aumentada.
Desde Siero, en Asturias, Mónica García Arranz e Alicia Puentes Arnoso, traballan na creación dunha experiencia innovadora inspirada no universo Marvel e, máis concretamente, nun dos seus personaxes máis coñecidos, o Doutor Estrano.
Pola súa banda, Juan García Álvarez e Sergio García Álvarez, colaboran nun proxecto que ten como protagonistas aos Pitufos.
Segundo confirman fontes do Campus de Ferrol, os xogos nos que están a traballar estes catro estudantes do Campus Industrial de Ferrol chegarán moi axiña ás salas do centro de entretemento e ocio familiar da Marvel Mission de Lisboa, no caso da experiencia do Doutor Estrano, e do Centro Madlab de Oviedo, no que atinxe ao proxecto dos Pitufos.
Visita á sede Inovace
A coordinadora do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro Pena, visitou hai un par de días as instalacións de Inovace en Siero. Esta empresa especializada na creación de experiencias inmersivas pertence ao grupo empresarial No Group e ten entre os seus clientes a xigantes como LEGO ou Coca Cola. Na reunión coa directora executiva (CEO) de No Group, María José Posada, e co director técnico de Inovace, Theo García, analizáronse novas vías de colaboración entre o Campus Industrial de Ferrol e a empresa asturiana.

PUBLICIDADE