Case o 20% dos fogares españois xa ten acceso á TDT

venres, 13 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

O 19,4% dos fogares en España ten acceso á Televisión Dixital Terrestre (TDT), o que representa preto de 3,3 millóns de persoas conectándose decote a esta nova plataforma, segundo informa estes días Impulsa TDT. Ademais, engade, dende que foi estreada esta tecnoloxía no Estado (en novembro de 2005), xa hai un terzo de edificios con antena de tipo colectivo que foron habilitados para afacerse á TDT.
Cómpre dicir que a previsión do Goberno é acadar o 98% de cobertura en 2010, que é a data sinalada para o apagón analóxico, proceso que significará a fin definitiva da televisión tal como a entendemos: a dos spots publicitarios á esgalla (a publicidade, coa nova televisión, terá que apertar os miolos na procura de novos formatos), o espectador pasivo e as interferencias.
A día de hoxe, a cobertura está arredor do 80% dos fogares. Levar a nova tecnoloxía ós restantes domicilios é, segundo informa o Goberno, o máis complicado da cuestión, posto que estamos a falar de núcleos de poboación xeralmente menos accesibles.
Na imaxe, receptor de TDT da empresa galega Televés.

PUBLICIDADE