Case medio cento de rapaces participaron nun obradoiro de videoxogos e electrónica na Aula AMTIC de Ames

venres, 22 de decembro do 2023 S. P.

O pasado 18 de decembro rematou en Ames o obradoiro de programación de videoxogos e electrónica, organizado pola Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC), no que participaron 48 rapazas e rapaces. Segundo informou o Concello de Ames, “a actividade tivo unha grande acollida, pois nos primeiros días de inscrición cubríronse todas as prazas ofertadas”.
A actividade desenvolveuse durante a última semana de novembro e mailo mes de decembro e consistiu nun obradoiro de programación de videoxogos e electrónica con Arduino. A actividade impartiuse en dúas quendas: a primeira, impartida o 27 de novembro e o 4 de decembro, estivo dirixida a nenos e nenas de 8 a 10 anos; a segunda, dirixida a rapaces e rapazas de 11 a 14 anos, impartiuse o 11 e o 18 de decembro.
Na primeira parte do obradoiro, os participantes crearon o seu propio videoxogo con Bloxels, unha plataforma de deseño de videoxogos que permite crear todo tipo de niveis, personaxes e aventuras, apto para todas as idades. Despois puideron experimentar cos seus propios videoxogos.
Na segunda parte, adicada á electrónica, programaron con Arduino, unha plataforma de creación de electrónica de código aberto baseada en hardware e software libre, flexíbel e doado de usar. No caso dos máis pequenos, programaron o movemento duns robots, mentres os máis maiores programaron placas con luces de LED, así como as luces dunhas árbores de Nadal.

PUBLICIDADE