Carmela Silva e Elena Gómez de Pozuelo inauguran SmartPEME

xoves, 14 de xullo do 2016 Redacción

Este mércores celebrouse en Pontevedra, da man da Deputación, a estrea oficial de SmartPEME, o programa da entidade provincial para potenciar e adaptar aos novos tempos e necesidades das nosas empresas e autónomas/os a rede CPAE 2.0 (Centro Provincial de Asesoramento Empresarial, iniciativa constituída por seis centros atendidos por técnicos especializados en novas tecnoloxías e con sedes en Lalín, Cambados, Vigo, Pontevedra, Ponteareas e Porriño). O arrinque de SmartPEME veu da man da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e de Elena Gómez de Pozuelo, experta en innovación e emprendemento feminino ligado ás novas tecnoloxías da información. No transcurso da sesión, Silva puxo a Gómez de Pozuelo como “exemplo de que o novo mundo dixital no que vivimos tamén está chamado a ter protagonistas a caras femininas como a desta muller”, na actualidade, engadiu, “unha das persoas máis influentes no emprendemento TIC”.
Carmela Silva agradeceu a presenza de Gómez del Pozuelo na xornada para amosar o importante traballo das mulleres que “hoxe en día dan un paso adiante para emprender e para chegar a ocupar un lugar nos espazos de decisión”. Ademais, a presidenta salientou a importancia de contar “con figuras de primeiro nivel” como Elena Gómez del Pozuelo para dar a coñecer, a través da súa experiencia, o novo proxecto SmartPEME a emprendedores, PEME e autónomos da provincia. Trátase, nas súas palabras, “dun proxecto ambicioso que pretendemos sexa un referente neste mundo dixital no que vivimos, un modelo de como as administracións e o sector privado podemos traballar xuntos para lograr que as cousas funcionen”. Segundo fixo saber, cumpría darlle unha viraxe á rede CPAE 2.0 adaptándoa aos novos tempos, xa que se trata dun servizo que “só funcionará se somos quen de ser moi porosos e deixamos que os protagonistas sexan os concellos e o tecido empresarial da provincia, escoitando as súas necesidades e demandas e ofrecéndollas”.
Polo que respecta á intervención de Gómez del Pozuelo, fixo un percorrido pola súa traxectoria profesional no eido das novas tecnoloxías cun relatorio desenvolvido baixo o seguinte epígrafe: Atopar o lugar da túa empresa na nova era dixital. Segundo fixo saber, as pequenas e medianas empresas teñen moito que dicir no ámbito do desenvolvemento dixital e na transformación das nosas economías, como tamén teñen un papel fundamental que representar as propias mulleres no ámbito do coñecemento e a innovación. Reflectindo as palabras de Lagarde, a presidenta do FMI, afirmou que “cando ás mulleres vailles ben, aos países vailles ben”. Porén, para acadar esta situación ideal, é máis preciso ca nunca “loitar contra a fenda de cristal que impide que as mulleres cheguen ás cúpulas de todos os sistemas”, informou.
Co fin de tirar o máximo proveito das oportunidades que ofrece “este actual mundo cambiante”, Gómez del Pozuelo falou de “catro claves imprescindíbeis”. A primeira delas, cambiar a visión e a cultura da empresa, apostando por unha empresa innovadora, transparente, conectada, flexíbel e áxil. A segunda pasa por centrarse nos traballadores, dándolle poder e decisión ao equipo, tendo "traballadores empoderados e embaixadores", incidindo na flexibilidade e na cultura colaborativa. A terceira clave consiste en impulsarmos empresas centradas nos clientes, buscando sempre que a sensación que lles quede sexa positiva. A cuarta é aproveitar os novos modelos de negocio que van xurdindo.
Elena Gómez del Pozuelo rematou amosando dous casos prácticos de dúas empresas que se adaptaron a esta nova economía dixital. Unha delas, Bebedeparis, é unha empresa física de máis de 20 anos de historia, que se transformou na actualidade nunha empresa dixital que xa vende a todo o mundo e é líder de ventas do seu sector en España. Outro exemplo foi o de Womenalia, un proxecto que xa naceu na era dixital e que chegou ser a primeira rede de networking mundial de mulleres profesionais.
Para visualizar na xornada deste mércores 13 as potenciais vantaxes de SmartPEME, deuse paso a dúas intervencións máis. Por unha banda a de Silvia Crespo, que explicou como grazas a SmartPEME (antes CPAE 2.0), puido lograr que a súa firma, Bienbonito, mellorase na comunicación cos clientes, na promoción dos seus produtos, na optimización de tempo e recursos e na xestión do negocio. E pola outra a de Yolanda Bóveda, quen debullou os beneficios do proxecto La Mariquita de Azúcar.

PUBLICIDADE