Carlos de Inglaterra estrea unha web a prol da defensa do medio ambiente

xoves, 5 de xuño do 2008 Raquel Noya

Segundo vén de informar o xornal dixital La Voz de Galicia, o herdeiro ó trono británico presentou hoxe (con motivo da celebración do Día do Medio Ambiente), a súa propia páxina web na que loita contra a deforestación do planeta, unha das principais causas do cambio climático.
O príncipe Carlos, que segundo indica o artigo do xornal galego, “está comprometido dende hai anos coa protección da natureza”, explica que a súa web pretende concienciar á sociedade mundial sobre o problema da deforestación dos montes ó tempo que propón “innovadoras” iniciativas para facer que “os montes tropicais teñan máis valor vivos que mortos”.
Princesrainforestproject.org, que é como se coñece este sitio, vai ser o portal oficial do Proxecto para os montes tropicais que o príncipe puxo en marcha en outubro de 2007 para protexer un recurso natural de todos. A idea é que as empresas, organizacións non gobernamentais e institucións reúnan as súas forzas para loitar contra a destrución dos montes situados no ecuador do planeta, dos que xa desapareceron máis do 50 por cento nos últimos anos, e frear o cambio climático.
A web do fillo de Isabel II inclúe unha serie de vídeos nos que se explica a importancia dos montes tropicais e os efectos da deforestación no planeta, así como información científica de relevancia sobre o tema.
Os internautas que a visiten, ademais de ver en vídeo as mensaxes do príncipe Carlos falando no nome da defensa do Planeta, tamén poden entreterse vendo o número de hectáreas de monte tropical que o home destrúe mentres se navega pola web, un gráfico nada prometedor pero dende logo moito máis agradable de ver que a foto do futuro rei ó pé da páxina.

PUBLICIDADE