Carbon, o agardado cliente de Twitter para Android, chega a Google Play

luns, 4 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Durante bastantes meses diversos medios adiantaban que un cliente de Twitter para Android chamado Carbon que estaba a desenvolver Dots & Lines podería converterse na aplicación non oficial de referencia para tal plataforma, grazas a unha interface moi atractiva, tanto pola súa estética como polos seus xestos táctiles, e finalmente xa está dispoñible para usuarios de Android 4.0 ou superior como aplicación de balde.
Esta ferramenta para smartphones (aínda non está optimizada para tablets) chega cunha estética escura e sinxela, que busca colocar todo o contido de Twitter nunha única pantalla, facilitando a navegación entre os distintos elementos dispoñibles (tweets, listaxes, favoritos, buscas, temas, perfiles...) e que, aparte dos seus xestos, tamén integra imaxes e vídeos nas cronoloxías, facilita o seguimento de conversas, enfía as mensaxes directas, autocompleta os nomes de usuario, permite actualizacións en segundo plano e tamén permite establecer filtros por hashtags, usuarios e palabras clave. Aínda dista de ser unha aplicación tan completa como outras máis consolidadas, pero a fluidez das súas animacións e o seu funcionamento áxil podería animar a moitos usuarios a utilizar este cliente de Twitter moi prometedor.

PUBLICIDADE