Carballo acolle unha Pokequedada os días 9 e 10 de setembro

mércores, 24 de agosto do 2016 Redacción

Carballo Noticias está a informar dunha Pokequedada no concello bergantiñán, prevista para os días 9 e 10 de setembro. O obxectivo desta cita é “fomentar o deporte e afondar un pouco máis no coñecemento de Carballo e a súa contorna”. Con este obxectivo, no formato da quedada mesturarase a fórmula das actividades de lecer ao aire libre coa das novas tecnoloxías participativas, interactivas e emerxentes (para este caso concreto, as achegas concretas do xogo Pokemon Go, unha proposta de aventura que cingue os planos reais e dixitais e que consiste en visitar cos nosos dispositivos determinados emprazamentos concretos e percorrelos para cazar animaliños dixitais chamados Pokemon).
Segundo informa Carballo Noticias a conto desta actividade de seu, esta “mestura pode ser perfecta para dar a coñecer o concello e para permitir que os nosos rapaces gocen ao máximo da natureza ao tempo que tiran partido das novas tecnoloxías”. Por certo que as rutas que se enviarán aos participantes percorrerán o núcleo urbano, rural e os parques do concello. As canles de contacto habilitadas son o espazo de Carballo Noticias en Facebook e máis o seu correo electrónico, carballonoticias@gmail.com.

PUBLICIDADE