Cantabria acolle este mes un encontro nacional de blogueiros viaxeiros

luns, 21 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Para quen estea a centrar a súa actividade redeira na experiencia turística, ben sexa a título persoal ou colectivo, en blogs ou a través de redes sociais, dicirlle que o Goberno de Cantabria vai organizar entre os días 24 e 27 un encontro centrado nas viaxes que teñen un antes, un durante e un despois na Internet 2.0. A xuntanza, que dará acubillo no seu programa a unha ducia de especialistas neste “emerxente segmento da comunicación”, acaeralle aos hábitos viaxeiros dos asistentes coma unha luva. De feito, será unha xuntanza móbil, con sede itinerante nalgúns dos lugares de Cantabria máis interesantes dende o punto de vista turístico: San Vicente de la Barquera, Comillas, Santillana del Mar, Santander, as covas de El Soplao e Monte Castillo, os parques de Cabárceno e Oyambre, etc.
Con todo, o acto central do congreso desenvolverase no Museo Marítimo do Cantábrico: un repunte do programa que contará coa presenza de diversos representantes autonómicos, blogueiros, internautas e xornalistas especializados en medios dixitais. Nesta primeira edición da xuntanza, organizada polo Goberno de Cantabria coa colaboración de Open Comunicación e a páxina tusdestinos.net, participarán blogueiros como María Jesús Tomé, Sergi Bellver, Quique Cardona, Doris Casares, Inés Fernández, Rebeca Granero, Eddy Lara, Juan Antonio Martínez, Rafa Pérez e José Miguel Redondo. Por certo que coa etiqueta #cantabriainfinita, está previsto que o elenco de relatores vaian dando conta en Twitter de todo o salientable que lles vai acontecendo durante esta viaxe. Co fin de posibles buscas na Rede sobre este evento, dicir que o seu nome oficial é Primer Encuentro Nacional de blogueros y redes sociais especializados en turismo y viajes.

PUBLICIDADE