Cancelada a presentación oficial dunha web a prol de Israel

xoves, 3 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Se cadra, con todo o que lle está a caer a Israel polo ataque á flota de activistas a prol da paz, este que vivimos non sexa o mellor intre para pór en marcha unha páxina web na que se lle declara publicamente o apoio incondicional ao Estado xudeu. Fose cal o fose o motivo de ter sido adiada a súa botadura oficial (temporal ou definitivamente), o caso é que a páxina web a prol de Israel que tiña que ser lanzada este luns perante os medios e contando supostamente co apoio directo do ex presidente español, José María Aznar, non chegou á súa estrea.
Segundo informan Xornal.com e Público, a páxina é (ou era) friendsofisraelinitiative.org, e a previsión era presentarlla ao mundo dende París. Con todo, non se descarta totalmente unha reincidencia, sobre todo se atendemos ao “coming soon” que reza na súa pantalla de inicio.
O xermolo desta proposta está na Iniciativa Amigos de Israel, que ofreceu nos días previos ao fallido lanzamento unha serie de proclamas de apoio ao dito Estado (visibles nos buscadores), nas que se louvaba o seu sistema político liberal democrático, entre outras cousas.
Entre os supostos apoios da iniciativa, ben visible na pantalla de inicio cunha fotografía, contábase co do ex presidente español, que de xeito significativo desapareceu estes días da páxina web. Igual feitura de misterio semella rodear a propia posta en marcha da web, descoñecida ao parecer polo Centro de Estudos Estratéxicos (malia tela rexistrada, engádese nos medios) e mesmo polo gabinete da embaixada de Israel en París.

PUBLICIDADE