Caixanova sorteará entradas dixitais para promover o seu sistema de Códigos Bidis

venres, 28 de marzo do 2008 Raquel Noya

Caixanova e Telefónica veñen de asinar un acordo de colaboración mediante o cal a entidade financeira galega vai empregar a tecnoloxía de códigos bidimensionais (Bidis), ofrecida por Movistar, para abrir novas canles de comunicación cos clientes da entidade financeira a través do teléfono móbil, evitando -deste xeito- que estes teñan que agardar longas ringleiras de xente para adquirir as súas entradas físicas.
A devandita caixa de aforros vai realizar ó longo dos vindeiros meses de abril e maio un proxecto piloto para probar esta nova tecnoloxía e determinar os seus posibles usos, entre os que se atopan mellorar o servizo de venta de entradas por Internet e desenvolver campañas publicitarias de fidelización de clientes.
A experiencia consistirá no sorteo de varias entradas dixitais para cinco espectáculos que Caixanova ofrecerá no seu Centro Cultural de Vigo a partires do vindeiro 21 de abril e para participar, os interesados terán que encher unhas enquisas que se repartirán nas obras que se celebren no mesmo recente entre o 3 e o 16 do mesmo mes.
Os premiados recibirán no seu teléfono móbil unha mensaxe MMS cun código Bidi Ticket a modo de cupón promocional que poderán validar e trocar por unha entrada para dúas persoas nun dos espectáculos indicados. Para atender estas entradas, Caixanova disporá dunha zona reservada e preferente xunto á entrada principal do teatro, onde estará instalado o lector de códigos que as validará.
Os códigos bidimensionais son un xeito moi innovador de interactuar co móbil que lles abre ás empresas un abano de comunicación moi amplo para dirixirse ós seus clientes. Trátase dunha evolución dos códigos de barras lineais que achegan, entre outras cousas, a posibilidade de almacenar unha meirande cantidade de información nun menor espazo físico, o que permite agrupar información máis detallada nun só código.
En resumidas contas, que se a cousa vai ben e os seus promotores saen satisfeitos do proxecto piloto, os clientes de Caixanova poderán adquirir as súas entradas para espectáculos comodamente dende as súas casas e sen ter que desprazarse ata os puntos de venta nun día de choiva coma o de hoxe.

PUBLICIDADE