Caixanova pon en marcha un curso-certame para fomentar o espírito emprendedor dos mozos galegos a través de Internet

xoves, 14 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

O método aprender-facendo é moito máis doado de levar á práctica en tódolos seus detalles coa axuda das novas tecnoloxías. Este é un dos alicerces do proxecto educativo que vén de presentar Caixanova e que se basea principalmente en facer que rapaces de primeiro e segundo curso de Bacharelato se metan na pel de empresarios novos, familiarizándose cos retos, os achados, as vantaxes e (tamén) os problemas que leva consigo hoxe en día o feito de poñerse á fronte dun negocio.
O proxecto, que tamén é un concurso (no que gañan os equipos que teñan meirande beneficio acumulado), chámase Play! Desafío para Xoves Emprendedores e está coordinado pola Escola de Negocios Caixanova, baixo o patrocinio do Instituto de Desenvolvemento da entidade financeira galega e o soporte tecnolóxico de Praxis MMT.
Esta iniciativa, baseada como dixemos na metodoloxía learning by doing, achegará a alumnos de toda Galiza ferramentas prácticas sobre a xestión empresarial, “traballando conceptos como as 4 Ps, a configuración de redes de venda ou a segmentación de mercados”. Os mozos e mozas, que participarán por equipos cun mínimo de catro integrantes, desenvolverán as simulacións a través de Internet dende os seus centros educativos, sen que estes estean suxeitos a límite algún de prazas.
Para todos aqueles rapaces e rapazas que desexen inscribirse, Caixanova vén de habilitar unha folla de inscrición na web www.play.novaxove.com.
Cómpre ter en conta que o prazo de inscrición remata o vindeiro 22 de decembro. Xa que se trata tamén dun concurso, dicir que o se vai desenvolver ó longo de tres fases eliminatorias que comezarán en xaneiro do ano que vén, celebrándose a final (á que acudirán cinco equipos) no mes de marzo. Cada un dos integrantes do conxunto gañador recibirá un computador portátil e unha bolsa de estudos da Escola de Negocios Caixanova valorada en 6.000 euros.

PUBLICIDADE