CaixaBank lanza unha pulseira Visa que posibilita mercar achegando o pulso a un pasa cartóns

venres, 4 de xullo do 2014 Redacción

CaixaBank lanzou esta semana un innovador aparello corporal para facilitar ao máximo o proceso de mercar con tarxeta. Trátase, máis polo miúdo, da pulseira Visa contactless, que permite facer compras con só achegar o noso pulso ao pasa cartóns (datáfono) dun establecemento. Esta tecnoloxía gadget, que unicamente poderá empregar nos comercios adaptados a contactless (en galego, sen contacto), é unha das grandes apostas da entidade financeira para os vindeiros meses. De feito, prevé distribuír durante o verán até 15.000 pulseiras deste tipo entre os clientes con maior emprego da súa tarxeta contactless.
“Este lanzamento”, informa a entidade, “convértese na maior experiencia de Europa no uso dun dispositivo wearable como medio de pago con Visa”. Durante o segundo semestre do ano, a pulseira estará dispoñíbel en toda a rede de oficinas da entidade e os clientes poderán deseñar a súa propia pulseira e contratala a través das canles habituais, engade a banca.
A pulseira, explica CaixaBank, está baseada na tecnoloxía de pago contactless: leva no seu interior unha microetiqueta coa información encriptada da tarxeta do cliente, “protexida coas mesmas garantías de seguridade cás tarxetas habituais (o sistema EMV)”. Este chip permite conectar a pulseira cos pasa cartóns e realizar transaccións coma se fose unha tarxeta con tecnoloxía sen contacto normal. Toda esta achega reúnese nun gadget de tamaño reducido, deseñado con peche axustábel e materiais antialérxicos.

PUBLICIDADE