Café Candelas rompe moldes coas súas novas web e tenda en liña

venres, 18 de outubro do 2013 Redacción

A empresa galega Cafés Candelas vén de presentar nova web, unha proposta en liña que non só representa un importante chimpo innovador con respecto á anterior feitura dixital, senón tamén con respecto ao que están a facer unha boa parte das empresas deste sector, o da alimentación, e doutros sectores sobre o papel máis inclinados á creatividade no deseño. Esta vontade de romper de xeito radical con propostas previas rastréxase non só a nivel de imaxe, senón tamén de contidos e de artellamento dos mesmos, achegándose tamén un xeito de acceder cómodo e doado a toda a información relativa á empresa con sede en Lugo. A nova web insírese nun cambio de imaxe integral no seo de Cafés Candelas, que afectou tamén á renovación da tenda en liña de seu, presentada o pasado mes de abril.
Segundo informan os responsábeis da firma, esta renovación estética, de contidos e de imaxe de marca representa un paso máis na súa aposta por modernizarse, adaptarse ás tendencias actuais de deseño e de comunicación e de prepararse para a apertura a novos mercados internacionais. O proceso iniciado na empresa coincide, por certo, coa celebración do seu 40 aniversario como firma galega dedicada ao torrado e comercialización de café no mercado nacional e internacional. “A nova imaxe está a aplicarse de maneira progresiva tanto á marca en xeral como ás diferentes liñas de produto específicas e submarcas que a compañía posúe, como son Selectum ou Supra, entre outras”, informan os responsábeis da firma. E engaden, respecto da nova proposta en liña: “A nova web funcionará como eixo central de toda a presenza online da compañía, polo que, ademais de incluír información básica sobre a mesma, aglutinará todos os accesos aos microsites das distintas marcas que Candelas posúe”. Asemade, explican, entre as funcionalidades da nova web cómpre salientar a posibilidade que ofrece aos usuarios de mercar directamente na tenda en liña: “Só con entrar no apartado Produtos os visitantes poden coñecer todos os artigos que comercializa Cafés Candelas e acceder cun só click ao establecemento dixital para adquirilos”.
Como dixemos, houbo un esforzo importante a nivel de manexabilidade, dándose acubillo a un completo menú lateral “co que navegar de maneira sinxela”. A través deste menú accédese a información sobre a empresa; a súa traxectoria; iniciativas de calidade e innovación; o ritual do café; variedades e orixes; os beneficios do café ou a historia do café, entre outras. Ademais, inclúese un receitario para gozar desta histórica bebida en todas as súas posibilidades; un espazo de actualidade sobre a compañía e un blog corporativo sobre o café.
A nova web, engaden os responsábeis do desenvolvemento, dispón tamén dun espazo destacado para Formación, “xa que Candelas dispón dun centro específico onde os seus baristas profesionais imparten cursos de formación, reciclaxe e novos coñecementos aos clientes do sector da hostalaría; de feito para Candelas a formación é a clave para garantir a satisfacción dos clientes do sector hostaleiro, xa que non só é importante que os establecementos ofrezan café de calidade, senón que coñezan todos os detalles para a súa perfecta preparación”.

PUBLICIDADE