Cae durante uns intres web da CIA por mor dun ataque informático

xoves, 16 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

En casa de ferreiro, coitelo de pau. A web da CIA, paradigma da alta seguridade estadounidense, vén de ficar en evidencia logo dun ciberataque. Así comezamos a xornada deste hoxe, cunha nova actuación do grupo Lulz Security, desta volta sobre un dos bastións do poder informativo do dito país, a web do seu servizo de intelixencia, que ficou caída durante uns cantos intres ao longo da noite do mércores. Segundo se fai saber, os atacantes poderían ser os mesmos que deixaron a velas vir os sitios en liña do Senado de EE UU ou mesmo a televisión pública do país.
Como non podía ser doutro xeito, as autoridades xa procederon a quitarlle a importancia ao incidente, aínda que é moi posíbel que durante os intres en que durou o ataque se rexistrase máis tensión que do normal nun departamento destas características. Para a CIA, simplemente estariamos a tratar cun grupo de piratas informáticos que están a buscar repercusión os medios. Por outra banda, polo de agora non hai confirmación total de que Lulz sacase moito partido da súa incursión no plano dixital da CIA, xa que aínda non foi publicada na súa web un adianto de información salientábel incautada, tal e como si aconteceu en iniciativas previas.

PUBLICIDADE