Cabify permite facer a compra online na Coruña desde a súa aplicación

mércores, 6 de outubro do 2021 S. P.

A plataforma española Cabify vén de dar un novo paso en materia de diversificación de servizos de mobilidade sustentábel, servizos directamente encamiñados a achegar alternativas limpas e cómodas ao transporte tradicional nas cidades. Segundo fai saber a empresa, xa podemos realizar a nosa compra online de produtos diarios en supermercados a través da aplicación móbil de seu, grazas a unha alianza estratéxica de Cabify con Lola Market, o servizo especializado en compra online, que se integra dentro da plataforma.
Isto tradúcese na dispoñibilidade da opción Súper no menú inferior da app, onde poderemos acceder ao dito servizo, introducir o enderezo da entrega e pagar con calquera das opcións dixitais xa cargadas no perfil de Cabify (cartón de crédito ou débito, Paypal, Google Pay ou Apple Pay).
Esta funcionalidade está xa operativa para todos os usuarios da Coruña, Alacante, Barcelona, Madrid, Málaga, Murcia, Sevilla, Valencia e Zaragoza que, segundo fai saber Cabify, “en poucos pasos van atopar unha forma cómoda de facer a súa compra”. Por certo que para acceder á funcionalidade debemos actualizar a aplicación á súa última versión en Android e iOS.
Lola Market ofrece un servizo de compra online de produtos de alimentación permitindo realizar adquisicións en supermercados (como Makro, Lidl, Carrefour, Mercadona, DIA, Alcampo), mercados tradicionais e tendas especializadas.

PUBLICIDADE