Cabify comeza a operar con taxis na Coruña

luns, 6 de xuño do 2022 Marcus Fernández

En 2018 chegou á cidade da Coruña o servizo de aluguer de vehículos con condutor de Cabify, e agora a compañía dá un importante paso na cidade herculina ao engadir á súa aplicación para usuarios o servizo de taxi, cunha tarifa con prezo pechado dende o momento da solicitude, de xeito que realizada a viaxe o usuario pagará o prezo máis reducido polo servizo entre o indicado pola aplicación e o que rexistre o taxímetro ao finalizar o traxecto.
A Coruña é a cuarta cidade española na que entra en funcionamento este servizo de Cabify, de xeito que a compañía pasa de verse como un competidor do sector do taxi a converterse nun colaborador do mesmo, achegándolle clientes a través da súa aplicación móbil.
Até o momento Cabify tiña dispoñible na Coruña os servizos Cabify Corp (para empresas), group (con vehículos con espazo para até 6 pasaxeiros), Kids (con vehículos con asento para nenos) e Cabify (con vehículos con condutor).

PUBLICIDADE