CRUE lanza a 3ª edición do concurso #HiloTesis, que estrea premios con dotación económica

mércores, 3 de maio do 2023 S. P.

Por terceiro ano, CRUE Universidades Españolas, en colaboración coa Red de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga) da sectorial Crue I+D+i, lanza unha nova edición do concurso Tu tesis doctoral en un hilo de Twitter: HiloTesis, co obxectivo de promover o desenvolvemento de habilidades de comunicación e divulgación científica entre o alumnado de doutoramento e recentes doutores e doutoras das universidades que forman parte da CRUE (entre as que se atopan as tres galegas: a UVigo, a USC e a UDC). As e os participantes deberán explicar a súa tese de doutoramento nun fío de 20 chíos como máximo, “empregando unha linguaxe sinxela, accesíbel e atractiva”.
Por vez primeira, os tres premios contarán cunha dotación económica de 1.000 euros, cada un, financiados pola Fundación Larramendi. Na presentación do concurso o presidente da CRUE, Julián Garde salientou esta iniciativa “como unha oportunidade para que os doutores e doutoras novas dean a coñecer as súas investigacións á sociedade a través desta rede social”. Pola súa banda, a vicepresidenta da Fundación Larramendi, Carmen Hernando de Larramendi, destacou que esta “é unha oportunidade de colaboración moi grata, xa que se aliña cun dos obxectivos da Fundación definidos polo seu fundador en 1986”.
Na pasada edición do concurso participaron máis de 300 persoas, procedentes de 47 universidades, xerándose máis de 500 millóns de impresións en Twitter, grazas á publicación de máis de 700 fíos.
Como participar
Ata o 7 de maio poderán publicarse o rexistrarse os fíos de Twitter e o persoal investigador en formación participante, deberá, unha vez publicado o fío, inscribirse e facilitar a ligazón ao seu fío a través dun formulario. O primeiro chío (tuit) do fío deberá citar ou etiquetar nunha imaxe a @RedDivulga,@filrramendi e á conta de Twitter da universidade participante ou, no seu caso, a súa UCC+i, e rematar con <>.
Unha vez recibidos os fíos das e dos participantes a través do formulario, a organización do concurso remitiraos á persoa de contacto de cada universidade, que elixirá, nun prazo de dez días naturais tras a finalización do concurso, un fío finalista que será enviado á organización para a súa avaliación polo xurado proposto por RedDivulga. O xurado estará integrado por, cando menos cinco membros, un deles experto en comunicación, e un representante da Fundación Ignacio Larramendi. O fallo será entre o 1 e o 7 de xuño e os gañadores ou gañadoras serán de tres universidades distintas.

PUBLICIDADE