CPEIG e Vitae celebran na Coruña a 2ª edición dunha charla formativa sobre profesionais das TI

xoves, 22 de febreiro do 2024 S. P.

Como xa anunciamos dende Código Cero será mañá, venres 23 de febreiro, cando teña lugar na Coruña a segunda edición dunha charla formativa sobre como captar e reter aos profesionais das Tecnoloxías da Información (TI). A dita conferencia, que será gratuíta, está organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a consultora de recursos humanos Vitae (con sede na Coruña, Vigo e Madrid), levarase a cabo na Cidade das TIC da Coruña en horario de 17 a 19 horas e será impartida polo experto en contratación e socio director de Vitae, Marcos Carbonell.
A finalidade desta acción formativa é ensinar a avaliar e seleccionar estes perfís para retelos nas empresas, xa que actualmente o mercado TI ten moita máis oferta de emprego que candidatos dispoñíbeis, o que produce unha gran rotación nas compañías, sobre todo os perfís de Desenvolvemento de Software.
Marcos Carbonell dará as claves para realizar esta selección e captación de persoal TI desde dous puntos de vista: o científico, que achega a psicoloxía do traballo, e desde a visión dos recursos humanos para conseguir resultados fiábeis e perdurábeis no tempo.
O relator analizará os valores, as motivacións, a personalidade e os intereses destes profesionais TI, dentro de tres grupos profesionais; os técnicos, os xefes de proxecto e os directivos. Tamén comentará as ferramentas clave que empregan as empresas actualmente para reter e captar aos profesionais TI, e os instrumentos que se implantarán no futuro.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse no correo informacion@cpeig.gal.

PUBLICIDADE