CONGALSA lanza IberFoodies, os personaxes de realidade aumentada embaixadores da súa marca de retail

mércores, 9 de marzo do 2022 S. P.

A empresa da Pobra do Caramiñal CONGALSA, un dos grandes referentes galegos do sector da alimentación, comezou o mes de marzo con outra importante novidade tecnolóxica que engadir aos seus destacados procesos de innovación. Trátase da presentación en sociedade dos IberFoodies, os personaxes de Realidade Aumentada cos que a marca quere promover a súa marca de retail, Ibercook Fun Food.
En palabra de CONGALSA, a familia de IberFoodies (constituída por Kino, Arita, Kida e Maro), será a encargada de “propiciar unha experiencia de marca diferente, dinámica e divertida, acorde coa identidade de Ibercook Fun Food”. Segundo explica Julio Simarro, director de Mercadotecnia e Vendas da compañía da Pobra do Caramiñal, “logo do lanzamento en 2019 do catálogo en Realidade Aumentada para os profesionais da canle HORECA volvemos a apostar por esta tecnoloxía porque é unha recurso que resulta fundamental para as marcas a día de hoxe comprometidas con mellorar a experiencia dos consumidores e conectar coa audiencia máis alá do momento da compra”. E engade: “Queremos compartir experiencias de valor cos nosos consumidores, vinculando a nosa marca con momentos de diversión e relax no día a día”.
Destaca Julio Simarro na presentación dos personaxes, que estes simbolizan os diferentes targets para os que a marca deseña os seus produtos, tendo en conta elementos como a idade, a personalidade e os diferentes estilos de vida. “Os consumidores anhelan experiencias máis interactivas e inmersivas, nas que eles sexan os protagonistas”, comenta, engadindo que “a Realidade Aumentada bríndanos a oportunidade de proxectar elementos dixitais sobre un escenario do mundo real que forme parte da contorna habitual dos usuarios”.
Enmarcada dentro do proxecto de dixitalización CONGALS4.0, esta nova ferramenta estará dispoñíbel como filtros de cámara en Instagram e Facebook, permitindo que a audiencia se exprese de “maneira persoal e única”, apunta Simarro, ao que engade: “O obxectivo é transformar a nosa presenza dixital facéndoa máis participativa e dinámica. En lugar de limitar o noso contido a fórmulas tradicionais, queremos abrir as nosas redes sociais á creación de contido por parte dos usuarios”.
IberFoodies será tamén un activo visual no punto de venda, con campañas e elementos de promoción comercial que transmitan os valores da marca Ibercook Fun Food e os atributos da súa gama de produtos.

PUBLICIDADE