CONGALSA converte en virtual a súa andaina solidaria polo Barbanza

mércores, 30 de setembro do 2020 S. P.

CONGALSA vai dar unha viraxe tecnolóxica, innovadora e segura á súa habitual andaina solidaria, unha iniciativa deportiva, lúdica e de responsabilidade social corporativa que a empresa de produtos de mar desenvolve cada pouco na compaña dos seus traballadores, reivindicando paisaxe (a da comarca do Barbanza) e solidariedade. Segundo informou a empresa da Pobra do Caramiñal, este ano a andaina solidaria será virtual. “A idea”, engade, “é que os interesados poidan efectuar o percorrido que consideren, ao longo dos 15 primeiros días do mes de outubro”. Como dixemos, con esta viraxe dixital ponse en xogo un importante elemento de seguridade sanitaria, ao evitarse, a través dunha proposta graduada, concentracións de persoas nun mesmo punto.
Trátase da quinta edición desta iniciativa benéfica que busca recadar fondos para botar unha man, a través de ONG locais, ás familias máis necesitadas do Barbanza (especialmente ás máis afectadas pola pandemia).
CONGALSA puxo en xogo este ano outra importante novidade que engadir á xa citada: converteu a experiencia nunha experiencia aberta. Así, a diferenza de anteriores edicións, nesta ocasión a andaina está aberta non só aos traballadores da empresa, senón tamén aos seus familiares, amigos, a representantes de entidades colaboradoras e a todo aquel que queira colaborar, con independencia da súa localización xeográfica.
Unha cota solidaria de tres euros
As persoas interesadas en participar deben inscribirse a través do sitio web galitiming.com. CONGALSA lembra que nas catro edicións anteriores, a cota de inscrición era 1 quilogramo de alimentos, pero nesta edición, para poder cumprir cos protocolos COVID, fixouse unha cota solidaria de tres euros. A partir de aí, entre o 1 e o 15 de outubro, os participantes dispoñen de 15 días para realizar a andaina (poden acometer calquera distancia local que desexen). Para difundir a iniciativa, enviarán á organización unha fotografía súa co dorsal, tomada ao comezo do percorrido, durante o mesmo ou unha vez finalizado este. Aquelas persoas que tomen parte na iniciativa recibirán un agasallo corporativo de CONGALSA. A empresa doará ás entidades beneficiarias o triplo da cantidade que se recade entre todos os participantes na andaina.

PUBLICIDADE