COGAMI impartiu en 2022 cursos de capacitación dixital en media ducia de concellos

venres, 13 de xaneiro do 2023 S. P.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) fixo balance da actividade xerada ao longo do ano pasado en materia de emprego e integración profesional. Segundo fixo saber, preto da metade das persoas formadas a través da confederación (o 45%) en 2022 lograron a inserción laboral. Boa parte deste importante fito materializouse a través do plan de formación de COGAMI, un plan adaptado ás necesidades de cada alumna e alumno e, tamén, á realidade de cada vila ou cidade onde se desenvolven os cursos. Boa parte deles puxeron o foco nas novas tecnoloxías da información, que son, a día de hoxe, parte indispensábel dos currículos. Desenvolvéronse en media ducia de concellos.
Ao longo de 2022, COGAMI impartiu 42 cursos dos que oito continúan durante o actual exercicio 2023. Un total de 368 persoas son as formadas pola confederación galega, 169 mulleres e 199 homes. De todas estas persoas formadas, o 45,6% logrou inserirse laboralmente ao longo do ano tras pasar por esta formación. “O balanzo nos resultados é moi positivo”, apunta Paco Abuín, coordinador da área de Formación de COGAMI, quen engade que “incrementamos o número de cursos e de alumnado con respecto ao ano anterior, que foi un ano de transición despois da situación máis crítica do COVID”.
Para poder desenvolver estes cursos, contouse co apoio financeiro da Administración Pública como a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, o Ministerio de Educación e o Fondo Social Europeo, e tamén por organismos sociais como a Fundación ONCE e Fundación “la Caixa”.
No seu balance COGAMI tamén fai saber que destinou 4.907 horas á formación de persoas, coa finalidade de “dotalas de preparación para que acaden unha oportunidade laboral o antes posíbel”. Os cursos impartidos desenvolvéronse tanto en zona urbana como rural, sendo as zonas rurais de interese para COGAMI por “careceren de máis servizos que nas cidades”.
Os cursos que contemplou o programa formativo de COGAMI durante o ano 2022 e os concellos nos que se impartiron foron: Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais en Cabana de Bergantiños; Competencia matemática en Vigo e Ourense; Xestión de almacén en Lugo; Comunicación en lingua castelán en Ourense e Vigo; Controlador/a de accesos en A Coruña; Alfabetización dixital en Boiro, Lugo, O Barco de Valdeorras, Viveiro e Pontevedra; 2 cursos de Condución de carretilla elevadora en Santiago; Atención ao cliente en Ferrol, Ourense e A Coruña; Limpeza, desinfección sanitaria en A Coruña; Operador ponte guindastre en Santiago; Comunicación en lingua galega en Vigo e Ourense; Acompañante de transporte adaptado en Vigo; Limpeza en superficies en Vigo; Almacén en Ourense; Carretilla elevadora en Ourense; Xestión de residuos urbanos en Lugo; Competencias dixitais en Vigo; Competencias clave en Vigo; Persoal de limpeza en Ferrol; dous Talleres traballando en dixital en Lugo; Curso de Carniceira/o en Lugo; limpeza hospitalaria en Vilagarcía de Arousa e Pontevedra; Almacén e carretilla en Vigo; Conserxería e recepcionista en Marín; Recepcionista de oficina impartido na comarca do Salnés e o curso de Expendedor de combustíbel impartido en Cuntis.
Os cursos que iniciaron en 2022 e continúan durante o ano actual, todos eles AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas), son de Actividades administrativas na relación co cliente en Ferrol, Cabana de Bergantiños e A Coruña; Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais en Santiago, Lugo e Pontevedra e de Competencias matemáticas N2 en Ourense e Vigo.

PUBLICIDADE