COGAMI e Vodafone impulsan a inserción laboral de 150 persoas a través das novas tecnoloxías

martes, 9 de agosto do 2016 Redacción

Un total de 150 persoas con diversidades funcionais e cognitivas da nosa terra están a participar nun programa de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) que conta con financiamento da Fundación Vodafone e que está destinado a potenciar e fortalecer a empregabilidade destes colectivos a través das novas Tecnoloxías da Información. A iniciativa COGAMI integra a través das TIC comezou a principios de ano e ofrece ás persoas participantes un servizo de asesoramento, información, formación e capacitación tecnolóxica baseado en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados. E todo “co propósito de facilitarlles a busca de emprego e o acceso ao mercado laboral”.
Cos devanditos obxectivos, impartíronse obradoiros sobre manexo de portais de emprego a través de Internet nos que participaron 65 persoas e desenvolvéronse outros 4 obradoiros presenciais sobre busca activa de emprego, contando estes con 74 participantes.
Segundo informa COGAMI, as persoas seleccionadas para formar parte do programa cumpren “uns perfís semellantes”. Ou sexa, polas súas características non lles posíbel un acceso pleno e equitativo ao mercado laboral. Ademais, durante os seis meses anteriores ao arrinque do programa non tiveron un contrato e, a maiores, son persoas con altas dificultades de inserción (o 50% de participantes son mulleres) e viven sobre todo en contornas rurais.
Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten abertas nas cidades galegas, son os que se encargan de valorar e avaliar as potencialidades e capacidades de cada unha das persoas e da súa motivación. “Para isto”, explica a confederación, “artellan itinerario o máis axustado posíbel aos intereses e posibilidades da persoa, ademais de proporcionarlles formación sobre uso de ferramentas TIC, portais de emprego e videocurrículos”.
O programa tamén inclúe visitas a empresas onde se fan labores de sensibilización cara á diversidade funcional e cognitiva, infórmase sobre bonificacións e incentivos e xestiónanse ofertas de emprego. Durante este primeiro semestre de programa, visitáronse 213 empresas que abriron 152 ofertas de emprego.
Segundo explica COGAMI, o programa, malia estar na metade do seu desenvolvemento, xa conseguiu favorecer a inserción de 45 persoas, que son o 30% do total dos participantes inicialmente inscritos.

PUBLICIDADE