COCAHI e MyFullTrip asinan un acordo para ofrecer solucións tecnolóxicas aos asociados da confederación

martes, 9 de xaneiro do 2024 S. P.

A Confederación de Centros Históricos de España (COCAHI) e a empresa de tecnoloxía MyFullTrip S.A (Grupo Vesilen) asinaron un acordo de colaboración para o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas que favorezan o crecemento e a modernización das asociacións e pequenas empresas pertencentes á confederación.
O acordo formalizárono este luns 8 de xaneiro o presidente da Confederación Española de Centros Históricos de España, Jose Manuel Bello Rey (presidente tamén de Compostela Monumental), e Bernard Jean Jacques Lonis, presidente da empresa. Trátase, engadiron, de materializar aplicacións informáticas dirixidas ás mais de 60 asociacións e empresas que están dentro de COCAHI.
Esta entidade fundouse no ano 1993 e confórmana as asociacións de comerciantes situados nos principais centros históricos de España. Defende o papel que leva a cabo o comercio na dinamización, conservación e mellora das contornas céntricas urbanas. Conta con poboacións que suman máis de trece millóns e medio de habitantes e representan 125.000 establecementos comerciais que xeran 500.000 empregos directos. Os seus centros asociados xeran vendas por importe superior a 3.247 millóns de euros e son receptores de máis de 80 millóns de turistas ao ano.
Na procura de solucións tecnolóxicas para todos os asociados, desde MyFullTrip van desenvolver ferramentas tecnolóxicas que comuniquen aos millóns de visitantes das máis de 60 zonas comerciais que conforman COCAHI cos comercios das cidades. “É moi importante que os miles de visitantes das zonas comerciais poidan dispoñer dunhas ferramentas que lles permitan poder visitar os pequenos comercios e comunicarse con eles. Desta maneira ofrécese unha experiencia ao consumidor, podendo visitar a cidade, e coñecer a súa oferta comercial, gastronómica, cultural e turística de centro histórico”, sinalou José Manuel Bello, poñendo o foco nalgunhas das singularidades que este tipo de recursos tecnolóxicos pode facer posíbel e dinamizar: ofertas culturais, ofertas comerciais e gastronómicas, visitas guiadas, descontos en comercios ou recursos para manter e captar clientes (fidelización).
“En MyFullTrip estamos moi enfocados no pequeno comercio e na procura de solucións tecnolóxicas, para que non exista fenda dixital entre o pequeno comercio e as grandes superficies. Na actualidade desenvolvemos ferramentas dixitais en Canarias, como é o bono consumo, que esta axudando ao pequeno comercio a aumentar as súas vendas”, destacou Bernard Lonis, engadindo que co ultimo acordo alcanzado con Revolugroup “dispoñemos dunha licenza de banco electrónico que ofrecerá múltiples vantaxes aos seus usuarios, por exemplo envío de diñeiro ao estranxeiro, pago en criptomoedas, recarga telefónica, fidelización de clientes, pass turístico, etc.
Jose Manuel Bello Rey destacou “que iniciamos o 2024 cun novo proxecto que supón unha oportunidade para os comercios e asociacións que forman parte da Confederación Española de Centros históricos. A empresa MyFullTrip porá ao dispor dos asociados de COCAHI os servizos e experiencia no desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas en comercio e turismo que poidamos necesitar para mellorar a nosa conta de resultados nos distintos comercios situados nos centros históricos do país”.

PUBLICIDADE