CO2 Smart Tech amosará en Santiago as múltiples vantaxes de aforro e eficiencia da súa plataforma co2st-tem

xoves, 10 de xullo do 2014 Redacción

O vindeiro xoves 17 de xullo a empresa galega CO2 Smart Tech vai organizar un interesante evento tecnolóxico no Centro Demostrador de TIC de Santiago, emprazado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia. A sesión, a desenvolver baixo o epígrafe Innovación aplicada a Xestión Enerxética: a solución co2st-tem, consistirá nunha demostración tecnolóxica propiamente dita, ou sexa, en amosar en detalle as vantaxes e utilidades dun software creado pola empresa con sede en Oleiros, comercializado xa en España, Portugal e Alemaña.
Falamos da ferramenta co2st-tem, “unha avanza plataforma web de optimización enerxética e técnica de instalacións” que permite, entre outras cousas, que só contando cun dispositivo conectado a Internet, teñamos acceso permanente a avanzados recursos de visualización, análise e control de calquera instalación.
Respecto á cita do 17 de xullo, o programa inclúe un repaso polos beneficios de implantarmos unha plataforma de xestión enerxética (redución de custes, impacto na conta de resultados) e polas vantaxes adicionais do sistema específico co2st-tem, unha demostración tecnolóxica do funcionamento da plataforma e unha quenda para rogos e preguntas. A sesión vén da man de Alberto Méndez Davila (director e socio fundador da empresa), Gema Rodríguez (responsábel de Financiamento) e Mario Rivera (enxeñeiro de Proxectos). O evento desenvolverase entre as 10.00 e as 13.30 horas e está dirixido sobre todo a directivos e técnicos con responsabilidade sobre aspectos económicos e/ou de xestión técnica en empresas industriais e do sector servizos (edificios administrativos, hoteis, centros comerciais, centros deportivos...).

PUBLICIDADE