CLUSAGA lidera un proxecto para modernizar e dixitalizar a industria láctea

mércores, 15 de febreiro do 2023 S. P.

A Xunta e o Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) presentaron este 15 de febreiro os detalles da candidatura galega ao PERTE Agroalimentario: un proxecto liderado polo clúster e enfocado a modernizar e dixitalizar a industria láctea. Trátase do proxecto tractor SmarTZ4milk, que conta coa participación de 19 empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos xunto con outros de Asturias, Cantabria, Andalucía, e Cataluña. Participan nel 8 industrias lácteas socias do dito clúster.
Esta información deuse a coñecer durante o Foro Next Generation Galicia do PERTE Agroalimentario celebrado este mércores 15 de febreiro que, xunto co titular do Goberno galego, contou coa participación do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro do Medio Rural, José González; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; e o presidente de CLUSAGA, Juanjo de la Cerda.
Rueda atribuíu á colaboración público-privada e á unión do sector o resultado do proxecto tractor SmarTZ4milk que se presenta ao PERTE Agroalimentario, produto da simbiose da industria láctea co ecosistema I+D+i. Sobre esta iniciativa, salientou “o feito de que participan un total de 19 empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos xunto con outros de Asturias, Cantabria, Andalucía e Cataluña, e que ten como obxectivo investigar e aplicar melloras nos procesos de produción da industria láctea”.
En concreto, as industrias lácteas socias de CLUSAGA son Grupo Leche Río S.A. (líder), Leche Celta S.L.U., Lácteos de Santander S.A., Corporación Alimentaria Peñasanta S.A. CAPSA-LARSA, Grupo Cooperativas Lácteas Unidas S.C.G. CLUN, Cooperativa Agraria Provincial De A Coruña S.C.G., Queizuar S.L. e Queixeria Prestes S.L.A. forman parte de SmarTZ4milk.
O foro tamén acolleu a presentación de otros dous proxectos singulares coordinados por Clusaga que xa están en execución e que contan co apoio dos fondos europeos Next Generation. Trátase de Milktelligence, que busca mellorar a produtividade do sector mediante a recollida de datos e visualización de indicadores clave na produción; e Smart4Cheese, que persegue impulsar a dixitalización integral no sector lácteo de queixerías.

PUBLICIDADE