CLUSAGA idea un proxecto de IA para mellor as condicións do sector cárnico

xoves, 30 de novembro do 2023 S. P.

Mellorar a planificación e produción do sector cárnico é o obxectivo do proxecto estratéxico MEATwin do Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA). Esta iniciativa baséase na investigación industrial en diferentes tecnoloxías de Intelixencia Artificial (IA), modelado e analítica de procesos e datos e visión hiperespectral, para a súa posterior integración nun xemelgo dixital que sirva como ferramenta de planificación da produción nas empresas do sector cárnico.
Engadir que o proxecto MEATwin recibe financiamento da convocatoria 2023 de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (MINCOTUR) e, baixo a coordinación de CLUSAGA, conta para a súa execución cun consorcio composto por catro empresas tecnolóxicas (Norlean, TripleAlpha, Kaizen Institute e RIA 21), dous centros tecnolóxicos (ANFACO-CECOPESCA e Fundación Centro Tecnolóxico da Carne) e unha empresa alimentaria do sector cárnico (Jamones González).
En canto á finalidade deste proxecto estaría integrar tecnoloxías de recollida de datos e a sensórica e visualización de indicadores chave nunha ferramenta que permita facer un uso integrado delas. A gran aposta de MEATwin reside na implantación efectiva da ferramenta no sector por mor da flexibilidade da mesma. Así, grazas ao emprego dun xemelgo dixital baseado en IA, conseguirase unha solución transversal ao sector, que facilitará ás pemes o acceso a tecnoloxías dixitais de despregadura rápida e as dirixirá cara a máxima eficiencia dos seus procesos.
En resumo, MEATwin aborda a necesidade do sector cárnico de mellorar a planificación e produción mediante unha solución de dixitalización de custo asumíbel para as pemes, traducíndose isto nun impulso do sector ao permitir ás empresas tomar mellores e máis áxiles decisións nos seus procesos.
Alén de MEATwin, CLUSAGA está a coordinar co apoio da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food a execución doutros tres proxectos beneficiarios da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. VitIA 5.0, que pretende mellorar a produtividade e sustentabilidade do sector vitivinícola mediante a aplicación de IA, IoT e biotecnoloxía; IA40WASTE para promover a eficiencia dos procesos produtivos da industria alimentaria minorando as perdas de produción na etapa industrial; e DIG4.0VO, cuxo obxectivo é o sector avícola de posta, oriéntase a acadar unha cadea de valor eficiente e con garantías de benestar animal.

PUBLICIDADE