CITEXVI celebra dez anos de andaina con 400 profesionais nas súas instalacións

mércores, 21 de xullo do 2021 S. P.

A Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI) celebrou onte os seus dez anos de andaina, fíxoo cun acto institucional no que participaron os principais representantes das entidades que fixeron posíbel o proxecto: a Universidade de Vigo, o Consorcio da Zona Franca, Abanca e máis a Xunta. Segundo fixeron saber, ao longo deste tempo conseguiuse dar acubillo e impulso a 14 entidades (entre as que se contan Imatia, Centum, EnergyLab, Nanuimnunotech, Insitu, Aquanovis, o Laboratorio Europeo de Referencia de Biotoxinas Mariñas ou o Grupo de Nutrición e Alimentación da UVigo) e a 400 profesionais traballando acotío nas súas instalacións. Ademais, xerouse un volume de facturación anual conxunta que en 2020 alcanzou os 19 millóns de euros e que este ano agardar superar os 26 millóns.
Os impulsores da entidade celebraron este 20 e xullo o seu décimo aniversario satisfeitos polo camiño percorrido e cheos de proxectos e iniciativas de futuro. Participaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o delegado do Consorcio da Zona Franca, David Regades; o xefe territorial de Empresa e Innovación da Xunta, Tomas Nogueira, e o director de Negocio para Galicia, Asturias e León de Abanca, Lino Comesaña. Os catro quixeron destacar o papel desta entidade “exemplo claro de colaboración público-privada, cun modelo de xestión que favorece, por unha banda, a transferencia de coñecemento e tecnoloxía da universidade á empresa e que, por outra banda, é quen de satisfacer as necesidades empresariais e de mercado mediante o desenvolvemento e o impulso do coñecemento”.
Segundo se fixo saber, dos profesionais que traballan en CITEXVI, máis do 90% teñen titulación universitaria, maioritariamente Enxeñaría de Telecomunicación, Informática e Industrial, pero tamén Química, Bioloxía, Ciencias do Mar e Administración e Dirección de Empresas. “De todos estes traballadores arredor do 27% son mulleres, principalmente cunha titulación do ámbito STEM”, explicou o xerente da Cidade Tecnolóxica de Vigo, Manuel Aranda, quen salientou que nestes anos o edificio albergou 30 entidades, o que propiciou que máis de 1.300 persoas teñan desenvolvido a súa actividade profesional nestas instalacións en ámbitos como as comunicacións, as tecnoloxías da información, enxeñaría, enerxía e medio, consultaría tecnolóxica, biomedicina, ciencias naturais e mariñas e tecnoloxías agroalimentarias.

PUBLICIDADE