CIONET premia a estratexia tecnolóxica da Xunta de Galicia

mércores, 15 de xuño do 2016 Redacción

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, recolleu hoxe o Premio Liderazgo Dixital 2016 na categoría de Sector Público, que outorga a comunidade de directivos de TIC CIONET, entidade que con este galardón recoñece o labor desenvolvido pola Administración autonómica galega, a través da súa Axenda Dixital de Galicia, para impulsar a transformación dixital da Comunidade e a súa aposta por un modelo de xestión centralizada das TIC coa creación da AMTEGA.
A entidade, con presenza en 14 países e a maior asociación de CIO a nivel europeo con máis de 5.000 directivos tecnolóxicos de empresas e do sector público, valorou positivamente posta en marcha da AMTEGA como unha entidade única para a xestión da política tecnolóxica autonómica así como a consolidación dos CPD existentes no Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta. Ambas iniciativas son os dous piares nos que se sustenta a estratexia dixital da Xunta de Galicia.
A directora da Axencia destacou que Galicia fixo unha firme aposta pola tecnoloxía no ano 2009 e que desde ese ano e ata 2020 a Comunidade terá investido preto de 3.000 millóns de euros, entre capital público e privado, en iniciativas tecnolóxicas.
Tras cumprir cos principais obxectivos propostos na primeira Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, o Goberno galego aprobou en 2015 a Axenda Dixital 2020 para os vindeiros cinco anos. Esta estratexia xa ten en marcha 14 plans para avanzar na dixitalización dos servizos públicos e do tecido empresarial, na capacitación dixital da sociedade e na extensión de redes ultrarrápidas a todo o territorio galego.
Durante a entrega do premio, Mar Pereira destacou que os logros da Axenda Dixital galega son o resultado dun traballo conxunto, que contou coa implicación de todos os departamentos autonómicos e dos profesionais de cada área.
A directora da AMTEGA incidiu en que a transformación dixital da Educación, da Xustiza ou da propia Administración Pública e de calquera outra área, ben sexa no ámbito público ou privado, vai moito máis alá de comprar equipamento ou mellorar infraestruturas tecnolóxicas, son procesos de cambio e organización que se consolidan no medio longo prazo e que necesitan un percorrido.

PUBLICIDADE