CIE presentou en Santiago a súa solución para termos controlada e ben xestionada a nosa rede

luns, 23 de setembro do 2013 Redacción

O Centro Demostrador TIC de Galicia (Santiago) acolleu os días pasados unha moi interesante xornada de presentación tecnolóxica a cargo dos profesionais da firma galega CIE, con sede en Arteixo e especializada na achega de servizos de deseño e integración de todo tipo de sistemas de comunicacións. Precisamente, a cita celebrada no CDTIC xirou arredor dunha solución que permite ás empresas que a implanten tirarlle o máximo partido á súa conectividade. A xornada presentouse baixo o epígrafe Como podo dotar á miña empresa de intelixencia na rede? e xirou arredor da dita solución, baseada en equipamentos do fabricante Allot, unha das grandes empresas internacionais do sector.
Na xornada contouse coa presenza dun bo número de empresas e institucións ligadas aos máis variados ámbitos de actividade: sanidade, educación, investigación ou industria. Así, asistiron profesionais da Universidade de Santiago, do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), do Hospital Universitario Lucus Augusti ou da Xestora de Subprodutos de Galicia.
Segundo informa CIE, tódolos asistentes tiveron ocasión de coñecer metodoloxías para ter un control exhaustivo de aplicacións, usuarios e servizos que circulan pola súa rede, que é o que dende o punto de vista conceptual denomínase Intelixencia de Rede. Ou sexa, levar a cabo funcións como termos monotorizado o tráfico por usuario/aplicación que circula polas nosas redes, despregar políticas de control para mellorar aplicacións de negocio, análise e seguimento de malware diverso, xeración de informes e integración con directorios activos, entre outros moitos procesos. Por último, abordáronse diferentes casos de éxito integrados na nosa Comunidade, entre os cales salientáronse os exemplos de Estrella Galicia, Xunta de Galicia, Inditex ou La Voz de Galicia.

PUBLICIDADE