CIE leva da man aos empresarios de Compostela cara a un modelo práctico de aforro enerxético

venres, 28 de marzo do 2014 Redacción

A empresa CIE Tecnoloxías, con sede en Arteixo, estivo este xoves en Santiago impartindo unha xornada sobre aforros enerxéticos e, máis polo miúdo, sobre os recursos tecnolóxicos dos que dispón para favorecer esta eficiencia no emprego de recursos (hoxe en día, coa crise e coa tarifa de luz polas nubes, máis precisos ca nunca). Os profesionais de CIE, empresa da que xa temos falado en Código Cero dando conta doutras presentacións dos seus produtos en Compostela, avaliaron na cita cos profesionais da capital de Galicia e contorna a situación do mercado actual enerxético. Lanzaron a seguinte pregunta: A que se debe o incremento dun 70% no custe da luz dos últimos cinco anos cando a demanda se contrae e estamos a demandar a metade da potencia instalada?
Estas e outras cuestións a tratar, informa CIE, fixeron que o acto contase con gran presenza de profesionais e empresarios locais, “aos cales as devanditas tarifas estanlles a acaparar unha porcentaxe moi importante dos gastos de explotación”, sinala a firma de Arteixo.
Trala xornada os directivos de Compostela puideron aclarar as dúbidas nas cales estaban mergullados tralas novas que se están a publicar nos últimos meses respecto á nova suba do custe de electricidade, unha de tantas. Por outra banda, os responsábeis de CIE amosáronlles tamén o cadro de mandos que poden empregar para monitorizar e xestionar os custes enerxéticos mediante os sistemas de telexestión amosados pola empresa con sede en Arteixo, a cal esta a desenvolver nestes últimos anos un gran esforzo non ámbito da eficiencia. Este esforzo e esta aplicación de coñecemento materialízanse, entre outras cousas, no despregue de solucións TIC para a xestión enerxética das empresas a través dun dispositivo intelixente smartphone ou un computador persoal. Lembrar que dentro das áreas de negocio de CIE salientan as infraestruturas físicas (centros de datos, sistemas de control e acceso, ...), comunicacións unificadas (VoIP, electrónica de rede, sistemas de seguridade, ...) e servizos de enxeñería, soporte e mantemento.

PUBLICIDADE