Buydeal.es achega descontos de até o 80% en produtos e servizos dispoñíbeis nas nosas cidades

luns, 23 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Non todo o mundo que fai negocio na Rede, que vende e distribúe artigos e servizos de toda índole, é impasíbel con respecto aos máis que probábeis problemas económicos de quen podería mercar eses artigos e servizos. Nesta liña sitúanse propostas en liña como Buydeal.es, unha web posta en marcha dende a nosa terra, da que xa temos falado con motivo dos seus primeiros pasos e que agora, co novo ano, reforza a súa estratexia de acurtar distancias cos clientes potenciais a base de salientábeis ofertas e descontos. Así nolo recorda este luns El Correo Gallego na súa edición en papel, na que se fai fincapé en que dende Buydeal.es, para facérmonos unha idea, é posíbel facer compras VIP un 80% máis baratas.
A cousa é tan ampla como se pode imaxinar: dende xamóns ibéricos até cursos para patróns de embarcación de recreo, pasando por atractivas ofertas turísticas e de lecer. O servizo, posto en marcha por Jacobo Chouza, Ángela Rodríguez e Jorge Fernández, é segundo a devandita cabeceira compostelá un claro exemplo de idea de valor contra a crise da que semella que non imos dar saído de xeito tan doado, pero que podería ser o máis breve posíbel con iniciativas como esta, baseada na idea de lembrarnos que os descontos e as ofertas están aí para quen queira atopalas, nas cidades e vilas galegas, e Buydeal.es traballa precisamente para facilitarnos ese encontro. Perante a crise, a web aposta por unha fórmula que sorprende pola súa lóxica: agora que temos menos cartos para mercar, se podemos mercar o mesmo máis barato, aínda mellor. Buydeal.es, que segue as metodoloxías de traballo dun Groupon, constitúe un espazo virtual dirixido a recoller as mellores ofertas locais de lecer, de aventura e de restauración para “gozar ao máximo do noso tempo de ocio e todo isto a prezos superreducidos”, sinalaron no seu día os responsábeis da iniciativa.
Con este servizo, que podemos usar a fondo na nosa lingua, cubriranse comercialmente as principais cidades galegas (arestora xa hai seis). O funcionamento da web, como dixemos con motivo do lanzamento oficial da mesma, baséase nunha escolma sempre actualizada de suxestións, presentándonos plans de lecer aos que, doutro xeito e malia estar ao alcance da nosa man, nas nosas cidades, non sería tan doado dar chegado.

PUBLICIDADE