Buluba.com, unha web que recolle as letras das cancións que máis soan

martes, 10 de xullo do 2012 Raquel Noya

Inventar palabras ou tararear a música das cancións que soan na radio e das que non sabemos a letra vai quedar tan só para aqueles que descoñezan da existencia de Buluba.com, unha web que vén de estrear o grupo Prisa e que recolle un catálogo inicial de preto de 70.000 cancións.
Trátase dunha plataforma moi funcional e de navegación moi intuitiva, que achega artistas nacionais e internacionais de tódolos tempos clasificados por orde alfabético, de xeito que para dar cunha canción en concreto, só temos que buscar o grupo ou artista que a interpreta e localizar a peza de entre tódalas dispoñibles.
O servizo é totalmente gratuíto, xa que para poñer a andar a web, Prisa contou coa colaboración de produtoras como Emi Music, Peermusic Española, BMG Rights,Universal e Sony, entre outras, coas que chegou a un acordo que lle permitiu adquirir os dereitos de preto de sete millóns de cancións, entre elas, tanto os últimos éxitos que soan actualmente na radio como éxitos de décadas pasadas que estiveron de moda no seu momento.
Cantantes e compositores actuais como Alejandro Sanz, Joaquín Sabina, Pablo Alborán, Estopa, Pereza, Malú... ou internacionais como Coldplay, Madonna, Juanes, Adele, Lady Gaga, Shakira ou Jennifer López, entre outros moitos, son algúns dos artistas que teñen as letras das súas cancións na web, dispoñibles para que calquera internauta poida acceder a elas e imprimilas se así o desexa.
Buluba tamén permite enviar as letras por correo electrónico ou compartilas cos nosos amigos e amigas en Facebook, Twitter e Google+.
Porén se o noso grao de afección pola música vai moito máis alá e sabemos as letras “ao dedillo”, tamén podemos avisar aos responsables da plataforma se detectamos un erro nas cancións, de xeito moi doado e intuitivo a través dunha pestana que achega a aplicación.
A web inclúe, a maiores, a sección Top Letras, un ranking que achega as 50 cancións máis descargadas da plataforma, que no momento de redactar esta nova lideraba Gotie, coa súa canción de moda, Somebody that I used to know e Fito Páez, con Dos en la la ciudad.

PUBLICIDADE