Brión rexistrou en 2009 arredor de 70.000 visitas ás súas webs municipais

martes, 12 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

O Concello de Brión vén de facer reconto dos éxitos acadados polos seus servizos web e, tamén, dos apoios recollidos para afrontar de aquí en adiante os seus compromisos en implantación da eAdministración (nova orde comunicativa entre servizos locais e cidadanía aplicada ao eido dixital e con tódalas súas vantaxes). No que atinxe ás tres páxinas web xurdidas ao abeiro do goberno local, rexistráronse 70.000 visitas ao longo do ano que rematou. E no que respecta aos apoios para o desenvolvemento deste novo tipo de tramitacións e xestións, o Concello de Brión vén de recibir unha subvención de 87.792 euros a través do Plan Nacional de Investigación Científica posto en marcha polo Ministerio de Industria.
Esta axuda, sinala o goberno local, inclúe unha partida de máis de 12.000 euros para investimentos en aparellos e equipos físicos, así como outra partida de máis de 75.000 que o Concello destinará a achegarlles á veciñanza as posibilidades que ofrece a eAdministración.
O obxectivo é superar as primeiras barreiras que atopan os veciños na súa relación con calquera Administración: a distancia á que teñen que desprazarse e o tempo que lle teñen que dedicar”, sinala Julio Mallo Nieto, técnico municipal de novas tecnoloxías, “xa que a día de hoxe estas ferramentas fan posible achegar a Administración ata as casas dos veciños, sen colas nin esperas”.
Estas estratexias a prol da dixitalización dos servizos públicos locais únense a iniciativas de promoción tecnolóxica e comunicación postas en marcha previamente, como por exemplo a web www.briondixital.org, onde a veciñanza do municipio pode inscribirse nos cursos e actividades que organiza o Concello, alugar o pavillón polideportivo ou realizar algúns trámites administrativos en liña (como darse de alta no padrón de habitantes ou axilizar o pago dos impostos e taxas municipais descargándose os impresos previos).
Reconto de visitas
O Concello de Brión dispón arestora de tres páxinas web e un Facebook aberto a todos os veciños e veciñas do municipio. Tres páxinas web que como dixemos ao principio deste artigo rexistraron un total de 69.539 visitas no 2009, o que fai unha media de 5.795 visitas mensuais. Asemade, o Facebook de Brión, creado en marzo de 2009, conta a día de hoxe con 800 amigos. A páxina de meirande seguimento, informa o Concello, é a municipal, que no ano que vimos de deixar atrás rexistrou un medre do 156%, ao pasar dunha media de 992 usuarios/mes en 2008 a 2.545 usuarios/mes no ano 2009. Por procedencia, explícase dende o consistorio, a maioría veñen de España, aínda que tamén hai usuarios de Noruega, Arxentina e Venezuela que se conectan con asiduidade. Por certo que este impulso da web municipal coincide coa remodelación da que foi obxecto nos últimos meses, proceso que incluíu a achega de novos contidos como unha páxina dedicada a transporte metropolitano (onde, sinala o Concello, os veciños e veciñas de Brión teñen á súa disposición toda a información sobre liñas, horarios e paradas do transporte metropolitano ao seu paso polo municipio, ligazóns ás webs do Transporte Metropolitano, información sobre as tarxetas de desconto e un mapa interactivo coas distintas liñas que cruzan o municipio e as paradas previstas).
As outras dúas web xurdidas ao abeiro do Concello son www.infobrion.com (portal nado en 2002 para promover o desenvolvemento local e posto en marcha polo Concello de Brión, a Universidade de Santiago de Compostela, o CEIP de Pedrouzos, o IES de Viceso e a Xunta de Galicia) e www.briondixital.org (un complemento das outras dúas webs do Concello de Brión e funciona como plataforma educativa para cursos on-line). A primeira é seguida decote por case 2.300 internautas e a segunda rexistrou un total de 11.814 visitas en 2009, o que fai unha media de 985 usuarios/mes.

PUBLICIDADE