Brión lanza aplicacións para amosar ao mundo o seu potencial turístico

luns, 16 de maio do 2016 Redacción

O Concello de Brión vén de lanzar unha aplicación gratuíta para dispositivos móbiles destinada a amosar o mundo os reclamos e potenciais turísticos do termo municipal coruñés. A ferramenta, compatíbel con smartphones e tabletas, permite aos usuarios atopar todos os datos que precisen sobre os principais atractivos de Brión, “posibilitando a localización xeográfica e a visualización en imaxes dos mesmos”. E todo, engaden fontes do Concello, “dun xeito atractivo” e primando a sinxeleza. A aplicación xa se pode descargar para sistemas Android na tenda Google Play e tamén para iOS. Igualmente, está accesíbel na páxina web municipal, concellodebrion.gal.
Segundo destaca o Concello ao fío dos esforzos postos en xogo para facela o máis doada posíbel, unha vez descargada e instalada, os usuarios poden comezar a usala “de xeito inmediato, sen máis requirimentos”. Ademais, os contidos do menú aparecen artellados de maneira intuitiva e de doado manexo: Arquitectura arqueolóxica (castros, megálitos, etc), Arquitectura civil (pazos, pontes, fontes, etc), Arquitectura militar (castelos), Arquitectura relixiosa (igrexas, capelas, cruceiros, etc), Patrimonio cultural, Patrimonio natural, Onde comer, Onde durmir, que facer (festividades, exposicións), Que ver (escolma de imaxes de lugares de interese turístico) e Servizos (servizos municipais, sanidade, emerxencias, hostalería, farmacias, etc).
Segundo lembra o Concello, en cada unha das categorías aparecen distintos lugares que podemos seleccionar para acceder ás fichas individuais de cada elemento. Nesas fichas figuran datos de interese, imaxes dos lugares, a súa localización xeográfica, así como a posibilidade de visualizar como chegar a eles grazas ao Google Maps. O acceso aos contidos pode facerse en galego e castelán, seleccionando a lingua preferida premendo na icona de configuración para cambiar o idioma do programa.
Ademais do devandito, e co obxectivo de ir mellorando a ferramenta coa axuda de quen lle tire proveito, o Concello de Brión puxo unha conta de correo a disposición da veciñanza e dos usuarios da aplicación para que realicen suxestións de cara a solucionar carencias e corrixir posíbeis eivas ou atrancos. As suxestións deberán achegarse ao enderezo de correo appconcellodebrion@gmail.com.
A aplicación foi desenvolvida pola firma Sixtema para o Concello de Brión, que é a entidade encargada de administrar os contidos. Segundo destaca o Goberno local, esta nova app compleméntase arestora con Brión en rutas, que é outro recurso móbil que permite descubrir o termo municipal a través de tres roteiros: a Ruta das Igrexas e Cruceiros (que percorre Brión “de principio a fin descubrindo” a súa rica arquitectura relixiosa), a Ruta Arqueolóxica (castros, mámoas, pontes, as Torres de Altamira... Trátase dun percorrido pola historia local, “cargada de misterio”) e a Ruta turística de carácter xeral que nos leva polo “esencial” do concello.
Brión en Rutas foi desenvolvida pola empresa Ubiplay Mobile e funciona dun xeito distinto da anterior. Segundo informa o Concello, cando a executamos no noso dispositivo móbil, e grazas ao sistema de localización GPS, sitúa a nosa posición actual nun mapa xunto cos puntos de interese clave de cada unha das rutas recollidas nesta aplicación. Seleccionando un destes puntos, poderemos navegar cara el dentro da propia aplicación ou a través de Google Maps. En canto cheguemos ao punto de interese procurado a ferramenta actualizarase de maneira automática e amosaranos os datos precisos sobre o lugar no que nos atopamos.
Tanto a aplicación como os contidos das tres rutas están dispoñíbeis en tres idiomas (galego, castelán e inglés). Porén, destacan dende o Concello e dende Ubiplay, é quen de adaptarse de forma automática ao idioma que ten configurado o usuario no teléfono.

PUBLICIDADE