Brión convoca os primeiros exames para obter acreditacións europeas no manexo de ordenador

mércores, 9 de marzo do 2011 Raquel Noya

O Concello de Brión, que continuamente está a pensar en actividades en torno ás TIC para levar a cabo entre a veciñanza e en iniciativas que leven á cidadanía a desenvolverse con soltura cos seus ordenadores e dispositivos móbiles, vén de convocar os primeiros exames para obter as Acreditacións Europeas de Manexo do Ordenador, e consolidar así os coñecementos adquiridos ata o de agora polas persoas asistentes aos seus cursos formativos e xornadas.
Trátase dun certificado oficial que outorga a Fundación ECDL (European Computer Driving Licence) que ten un recoñecemento a nivel internacional.
Ata o de agora, Brión é o único concello galego que pode expedir esta certificación, que non é máis que un recoñecemento de que o alumnado posúe “unha formación básica e completa en informática a nivel de usuario”.
Asemade, a certificación supón unha garantía para as empresas e administracións que contraten a esas persoas, xa que outorgan credibilidade aos seus datos curriculares de formación en informática e novas tecnoloxías.
As probas terán lugar os vindeiros días 29, 30 e 31 de marzo no Telecentro de comunicacións de Brión, onde as persoas que desexen obter este recoñecemento internacional deberán achegarse, previa inscrición, ás 10:30 horas da mañá ou ben ás 20:00 horas.
A convocatoria está aberta a todas as persoas que o desexen, se ben o número de prazas é limitado e a admisión realizarase por rigurosa orde de inscrición, tendo preferencia os veciños e veciñas de Brión.
A cuota de inscrición e de realización do primeiro exame é de 35 euros, porén segundo apuntan dende a entidade local, “os seguintes exames terán un custe de 15 euros, mentres que a edición do diploma suporá o abono doutros 10 euros”.
Para formalizar as súas inscricións, as persoas interesadas deberán achegarse á Casa da Cultura ou ben chamar ao teléfono 981 509 908 e dar conta dos módulos dos que quere examinarse (a Acreditación ECDL está dividida en sete módulos) e a convocatoria na que o fará.
Para obter a acreditación ECDL, cada alumno ou alumna terá que superar os sete módulos nos que está estructurada a mesma; dispón de media hora para examinarse de cada módulo e deberá aprobar, como mínimo, un 75 por cento das preguntas.
Os módulos nos que está dividido a acreditación ECDL son:
1- Conceptos básicos das tecnoloxías da información.
2- Uso do ordenador e xestión de ficheiros..
3- Tratamento de textos.
4- Follas de cálculo.
5- Bases de datos.
6- Presentacións.
7- Información e comunicación.

PUBLICIDADE