Brión amplía o número de cursos formativos en liña

luns, 1 de febreiro do 2010 Raquel Noya

O Concello de Brión, que o pasado mércores anunciaba nesta web a celebración de varios cursos de formación en liña e de balde para tódolos veciños e veciñas da localidade, atopouse esta semana cunha grata sorpresa ao comprobar que preto de cen persoas (concretamente un total de 97) xa tiñan solicitado a súa praza en tan só cinco días dende que se abrira a convocatoria.
Ante a demanda rexistrada, os responsables desta iniciativa non tiveron máis remedio que ampliar o número de cursos de formación en liña e iniciar de inmediato os nove cursos que xa cubriron o número de prazas requeridas.
Asemade, os organizadores tiveron que abrir unha lista de espera para levar a cabo, segundo afirman, “polo menos outros nove cursos máis”, que ao igual que os primeiros, serán de balde para tódalas persoas interesadas e que comezarán en canto haxa un mínimo de dez persoas inscritas.
Deste xeito, os cursos que comezarán no mes de febreiro serán os catro do entorno Office (Excel, Power Point, Word e Access), o de Linux, o de Internet Explorer, os de contabilidade (Contaplus, Nominaplus e Facturaplus) así como os de Photoshop e Dreamweaver. A gran demanda rexistrada nestes nove cursos fixo que o Concello de Brión decidise abrir unha nova convocatoria para os mesmos, cunha lista de espera na que os veciños interesados se poden anotar a través de Briondixital.

PUBLICIDADE