Brión achega tres novos cursos TIC para os meses de abril e maio

mércores, 10 de abril do 2013 Redacción

O Concello de Brión vén de presentar o seu programa de ensino para os meses de abril e maio, que inclúen tres cursos sobre novas tecnoloxías dirixidos a favorecer o coñecemento da cidadanía no manexo dos programas Access e Contaplús, amais de perfeccionar a súa formación en materia de Internet. A inscrición estará aberta na Casa da Cultura e no teléfono 981 509 908. Nos tres casos é preciso un mínimo de 10 participantes para que se celebre o curso. O primeiro deles en celebrarse será o de Access, programado para os luns, mércores e venres do 15 de abril ao 3 de xuño. Os alumnos disporán dun total de 40 horas lectivas para aprender o manexo da base de datos de Microsoft. O prazo de inscrición está aberto ata o 12 de abril e o prezo é de 50 euros.
Pola súa banda, os interesados en perfeccionar os coñecementos no manexo dos recursos que ofrece Internet poden inscribirse, tamén ata o 12 de abril, nunha actividade formativa que se celebrará os martes e os xoves entre o 16 de abril e o 21 de maio. O prezo de inscrición é de 30 euros. As clases dos cursos de Access e de Internet celebraranse na Aula CEMIT de Brión, en horario de 20:00 a 22:00 horas.
Finalmente, o centro social polivalente acollerá todos os martes e xoves entre o 7 de maio e o 27 de xuño, tamén en horario de 20 a 22:00 horas, un curso de Contaplús, unha aplicación que, en palabras do Concello, “é todo un referente no mundo da xestión empresarial e que empregan a cotío milleiros de negocios”. Os interesados en coñecer os segredos do programa terán que aboar unha cota de 40 euros. O prazo para inscribirse remata o 30 de abril.
Obradoiros
Ademais, o Concello de Brión lembra que entre o luns 22 de abril e o luns 27 de maio a Aula CEMIT acollerá seis obradoiros de informática, de dúas horas de duración, en horario de 18:00 a 20:00 horas e cun custe de inscrición de 5 euros por curso. A cronoloxía destes obradoiros é a seguinte: busca de datos na rede (22 de abril), busca de emprego na rede (29 de abril), declaración da renda por internet (6 de maio), edición de blogs predeseñados (13 de maio), mapas e localización (20 de maio) e contas de correo electrónico (27 de maio). As inscricións poderán formalizarse na Casa da Cultura e no teléfono 981 509 908 ata o xoves anterior á realización de cada actividade.

PUBLICIDADE