Bota a andar en Asturias a semana Impulso TIC

luns, 21 de novembro do 2011 Raquel Noya

Din os seus organizadores que a semana do Impulso TIC é un “escaparate perfecto” para dar a coñecer a importancia da industria informática e as TIC na Comunidade, “unha industria que polo auxe das novas tecnoloxías, cada día ten máis peso”, e é que tanto no resto da industria como na propia sociedade en tódolos seus ámbitos (sanidade, administración, xustiza...) as novas tecnoloxías están a aportar valor engadido e vantaxes competitivas que nunca antes se acadaran.
Con este espírito innovador comeza hoxe en Oviedo a Semana do Impulso TIC, onde un dos obxectivos fundamentais é fomentar a industria informática e tecnolóxica como motor económico de Asturias, e garantir un futuro próspero para a rexión.
O acto inaugural dará comezo a partir das 17:00 horas no auditorio Príncipe Felipe, e estará presidido polo director xeral das Tecnoloxías da Información e a Comunicación de Asturias, Diego Pascual García.
Entre os relatores convidados destaca a presenza de Eva Pando Iglesias, directora de CEEI; Ricardo Baeza-Yates, vicepresidente de Yahoo! Research Europa e Latinoamérica; Marcos García Navarrete, director xeral de Cerner Iberia ou Fernando Medina Fernández, responsable de Estratexia de Aplicacións Sanitarias na Zona Norte de Software AG España, entre outros.

PUBLICIDADE