Boqueixón lanza a sexta convocatoria do seu certame de fotografía dixital

venres, 7 de setembro do 2018 Redacción

O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha a sexa edición do seu certame dixital destinado a mostrar, colectivamente, as mellores imaxes dos moitos atractivos turísticos do termo municipal. En palabras do Goberno local, o Concurso de Fotografía Paisaxes de Boqueixón ten “o obxectivo de fomentar a creatividade e dar a coñecer ao público en xeral a diversidade e riqueza histórica, cultural e etnográfica do municipio”.
O certame está aberto ao público en xeral e cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías. A temática das imaxes deberanse tomar no municipio de Boqueixón e centraranse en aspectos como a riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística. O prazo de envío das propostas finalizará o próximo 2 de novembro.
O Concello tamén informou que o xurado seleccionará un total de 12 imaxes e que estas empregaranse, unha por mes, para elaborar o calendario do 2019 que edita o Consistorio.
Ademais, desta escolma inicial sairán as tres instantáneas vencedoras. Os premios entregaranse en forma de vales de compra que se poderán trocar en calquera estabelecemento do municipio. O primeiro premio estará dotado cun vale de 200 €; o segundo, cun vale de 100 €, e o terceiro, cun vale de 50 euros. O fallo do xurado darase a coñecer o 21 de novembro.
Segundo se especifica nas bases do certame, a inscrición deberase realizar a través da páxina web municipal www.boqueixon.com. Cada participante deberá cumprimentar e asinar a folla de inscrición e enviar as fotografías en formato .jpg nun arquivo que leve o nome do título da fotografía, que terá unha resolución mínima de 2000x1500 px.

PUBLICIDADE