Boiro ofrece un amplo programa de formación tecnolóxica para persoas de todas as idades

mércores, 4 de novembro do 2020 S. P.

O Concello de Boiro, a través da súa área de Xuventude, está a promover obradoiros de autoformación (e empregabilidade) e presenciais e, tamén, cursos de novas tecnoloxías da información para mozos e mozas a partir de 14 anos. Este amplo programa de capacitación materialízase a través da aula CeMIT e a Oficina de Información á Xuventude (OMIX), no Centro Social de Boiro.
Polo que respecta á oferta da OMIX, brinda unha serie de obradoiros para mozos e mozas a partir de 14 anos. A formación inclúe propostas de autoformación, como son os cursos de Posicionamento en redes sociais, de Creación de blogs, de Comercio electrónico e vendas no muro, e de Seguridade e compras virtuais. Tamén se ofrecen dende a oficina da xuventude actividades presenciais como son un Obradoiro da diversidade afectivo-sexual, un Obradoiro de imaxe corporal e autoestima e Redes Sociais, fotografía, xénero e as súas consecuencias.
En canto aos obradoiros en novas tecnoloxías da aula CeMIT, tamén se ofrecen en modalidade de autoformación e presencial. As propostas que se ofertan na autoformación son Control parental e Seguridade informática; Uso dos dispositivos electrónicos: libro electrónico, tableta e cámara dixital; Comercio electrónico e vendas no muro; Posicionamento social e Redes Sociais, Creación de bolgs; e Seguridade en compras virtuais. Na modalidade presencial para o mes de decembro, vanse impartir na aula CeMIT de Boiro o curso de Administración Electrónica e trámites electrónicos en Internet, que se vai realizar os días 1, 2 e 3 de decembro; Manexo de smartphone, os días 9 e 10 de decembro; e Creación de postais dixitais, o 15 de decembro. Todos os cursos presenciais vanse realizar en horario de 10.00 a 12.00 horas.
Toda a información sobre os curso de xeito presencial na aula CeMIT de Boiro ou na Oficina de Información á Xuventude, de xeito presencial no Centro Social de Boiro, no enderezo electrónico omix@boiro.org ou no teléfono 981 84 26 35.

PUBLICIDADE