Boina Galega, Gaita MIDI e a plataforma Minervas Voice, premiadas nos Sixto-Seco

martes, 20 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Este 19 de novembro entregáronse en Santiago, na Cidade da Cultural, uns galardóns dirixidos a mostrar e enxalzar os achegamentos innovadores á cultura, a apertura de novos camiños e de novos horizontes para a lingua, a imaxe, o audiovisual, a gastronomía, a moda, as nosas letras ou as moitas e variadas feituras que adopta a nosa artesanía. Estamos a falar dos Premios Emprende Gaiás–Sixto Seco, que chegaron á súa sexta edición rompendo barreiras a prol da igualdade de xénero e, tamén, a prol de todo aquilo que define a Galicia e que é unha materia prima de calidade para crear riqueza e progreso. As iniciativas premiadas foron Gaita Galega MIDI, Boina Galega e a plataforma Minervas Voice.
Os galardóns, que impulsa a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, contan co patrocinio de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a colaboración do IGAPE.
O acto de entrega de premios contou coa presenza do director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, do director xerente de AFundación, Pedro Otero e do xerente de IGAPE Nova, Guillermo Viña. Ademais, a escritura e divulgadora Elsa Punset, puxo o broche final á gala cunha charla sobre como estimular a creatividade.
Como dixemos, un dos proxectos recoñecidos foi Boina Galega, impulsada pola artesá Sandra Vilas. A proposta, vencedora na modalidade de proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica, consiste nunha viraxe sobre os modelos tradicionais da boina galega achegando materiais de alta calidade e modernizando a produción, xa que, segundo lembrou o xurado dos galardóns, hoxe xa non hai empresas adicadas á súa fabricación.
Na outra modalidade do concurso, a de proxectos en Internet e desenvolvemento de aplicacións informáticas no sector cultural, o xurado decidiu outorgar dous premios en igualdade a Gaita Galega MIDI e a Minervas Voice. A primeira é unha proposta do músico e enxeñeiro informático lugués Alejo Pacín Jul, que quere fabricar a primeira gaita electrónica, baseada en software e hardware libre, que ofreza unha simulación, “o máis fiel posíbel”, do son da gaita galega. Segundo lembrou, na actualidade non existe ningún produto que cumpra as esixencias dos usuarios. A súa idea é acadalo coa axuda de Luis Latas Vilanova, artesán gaiteiro, e Pepe Vaamonde Manteiga, gaiteiro profesional de recoñecido prestixio. A iniciativa de Gaita Galega MIDI, como recordaremos, tamén foi recoñecida ao abeiro dos premios aos mellores proxectos de software libre universitarios.
Pola súa banda, Minervas Voice é unha plataforma web de contidos que reunirá información, investigación, documentación e producións audiovisuais que promovan a igualdade de xénero e a exemplaridade daquelas mulleres consideradas inspiradoras ao longo da historia. O proxecto, segundo informaron as súas responsábeis, abrangue tamén o desenvolvemento de experiencias de realidade aumentada para introducir ao usuario na historia das mulleres. Detrás de Minervas Voice están María Ignacia Cevallos, produtora audiovisual con ampla experiencia e fundadora de Zenit Televisión, e todo un equipo de profesionais con formación en innovación e xestión empresarial, publicidade, enxeñería informática e finanzas.

PUBLICIDADE