Bodega Soutelo abre vías para a competitividade do viño galego coa súa web, que se presenta hoxe

xoves, 10 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Dicía un analista de mercados de moito renome que hoxe, quen non estea na Web, non existe. Se cadra é posible que non fixera falta que o analista dixera ren, sabendo como sabemos os internautas o moito que se perden as empresas que non figuran na Internet ou que, malia estar, non tiran proveito dela. O caso é que a súa opinión vén a conto para falar dun mercado cada vez máis competitivo, o do viño, e no que as empresas galegas non deberían perder nin unha polgada de terreo por non aparecer na Internet (en moitas ocasións, élles imposible aparecer por estar situadas lonxe de accesos de calidade).
Este, o de blindarse de cara a concorrer nun mercado ateigado e global, é precisamente o obxectivo de adegas como Bodega Soutelo, que vén de abrir un ambicioso espazo web co fin de dar a coñecer ó mundo o viño tinto mencía Cardenal Rodrigo de Castro.
A web, que será presentada oficialmente este xoves na Galería Sargadelos de Monforte a partir das 20.30, tamén é accesible a través de www.vinomenciaribeirasacra.com e o seu obxectivo, amais de reforzar as liñas de promoción do selo, é ir alén de converterse nun recordatorio en liña da existencia da adega. Ou sexa: que os responsables da web queren algo máis que unha listaxe virtual de produtos, teléfonos e contas de correo. A idea, segundo sinala a propia empresa, é manter un negocio virtual aberto ás 24 horas do día e en todo o mundo.
A páxina, desenvolvida pola firma galega Egacom (con sede en Ferrol e especializada na achega de servizos baseados en software libre), inclúe unha parte descritiva da adega e outra na que se habilitou unha tenda virtual, en español e inglés, construída sobre open source, neste caso concreto un Oscommerce. Segundo sinala Egacom, o sitio incorpora unha serie de códigos diferentes dentro da propia páxina, de maneira que se fai máis doada a súa lectura e máis o posicionamento nos buscadores máis empregados, co fin de que a web de Bodega Soutelo estea sempre visible nos primeiros postos de Google ou de Yahoo! Para Alberto Pampín, director da dita empresa de Ferrol, detrás do deseño da páxina hai un exhaustivo traballo de control co fin de que sexa referencia na categoría propia de seu: “Nada se deixou ó chou. Tanto o seu deseño coma a tenda virtual coma a súa estrutura foron desenvolvidos para acadar unha boa visibilidade, e os resultados que se están a obter dende que foi posta en marcha a páxina son espectaculares”.

PUBLICIDADE